Os campaneiros de Ponte Caldelas contribuiron a que o toque manual fora declarado Patrimonio Cultural Inmaterial pola Unesco
Por Redacción
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, felicitou aos campaneiros de Ponte Caldelas, Mondoñedo, Ponteceso e Boqueixón pola súa contribución a que o toque manual de campás veña de ser incluído na lista de manifestacións representativas do Patrimonio Cultural Inmaterial da Unesco.
Así o manifestou en Rabat como parte da delegación española que participa no 17 Comité Intergubernamental para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial, onde vén de tomarse esta decisión.
Campaneiros de toda España, entre eles os galegos, contribuíron á consecución da declaración, xa que todos a avalaron con cartas de consentimento como representantes do saber deste oficio. En concreto, por parte de Galicia participaron Elías Darriba, de Campaneiros da Insua, en Ponte Caldelas; Valentín Ínsua Palacios, da Catedral de Mondoñedo; José María López, dos Campaneiros de San Fins do Anllóns de Ponteceso, e Víctor Curros, de Campaneros de Santa María de Lamas e Sergude de Boqueixón. Na candidatura foron tocadas as campás de Mondoñedo, Bastavales, Muxía e as pontevedresas de Cerponzóns.
Precisamente, a parroquia de Cerponzóns vai sumarse ao toque de campás conmemorativo previsto para este sábado 3 de decembro ás 12.00 horas.
Román Rodríguez, que asiste a este foro cultural internacional acompañado pola directora xeral de Patrimonio Cultura, Mª del Carmen Martínez, agradeceu a súa axuda e valorou moi positivamente este recoñecemento que permitirá, dixo, "preservar esta tradición e o seu enorme valor etnográfico para garantir a súa continuidade e protección".
CANDIDATURA CONXUNTA
A proposta de inscrición no rexistro de bens de interese cultural respondeu á iniciativa de distintas asociacións españolas implicadas nesta práctica, que contactaron con distintos profesionais e institucións para traballar con estreita colaboración para soster a candidatura, foi tramitada polo Ministerio de Cultura e Deporte. A candidatura que lidera o Ministerio adheríronse varias comunidades. Xunto a Galicia -que participa na franxa norteña-, tamén están representadas a Comunidade Valenciana, Madrid, Castela e León, País Vasco, Navarra, Cataluña e Andalucía.