Solidariedade pontevedresa coas mulleres refuxiadas embarazadas ou con bebés lactantes en Atenas
Por Natalia Puga
As entidades sociais pontevedresas Boa Vida e Rotary Club de Pontevedra veñen de unir as súas forzas co proxecto de axuda humanitaria internacional da Asociación Integral de Rescate en Emerxencias (AIRE) Elna Maternity Center, que presta auxilio a mulleres embarazadas ou con bebés lactantes refuxiadas en Atenas. Froito desta colaboración, este Nadal, ata a cidade grega chegara solidariedade pontevedresa.
Entre este xoves 1 e o día 10 de decembro, coa colaboración destas dúas entidades pontevedresas vanse recoller na cidade artigos que precisan estas mulleres en Atenas coa intención de que antes de que remate o ano poidan ter a axuda que precisan.
Esas mulleres precisan, sobre todo, atún en lata, aceite, arroz, champú, xel de ducha, deterxente para lavadoras, xel lavalouzas e coitelas de afeitar. Estes son os artigos que se recollerán ata o 10 de decembro e para os que se pide a colaboración da poboación pontevedresa.
As responsables de AIRE en Pontevedra, Ana e Mariola Ramírez explicaron este xoves, nunha comparecencia na sede de Boa Vida, que só se van recoller esa listaxe de produtos pechados "porque teñen que enviar un contedor e non recollen máis porque alí non poden conseguilos de maneira fluída". En Grecia teñen un prezo demasiado elevado.
Estas tres entidades solicitan a solidariedade de toda a cidadanía, que poderá entregar as doazóns nas dúas tendas da asociación Boa Vida nas rúas Santa Clara e A Seca.
Ademais, recolleranse doazóns económicas. Para facelas, pódese acudir a Boa Vida ou contactar coa ONG AIRE a través do correo electrónico info@ongaire.org.
Este proxecto de axuda humanitaria internacional ten varios pisos de aluguer en Atenas que funcionan como fogar para familias, co obxectivo de ofrecer a estas mulleres un espazo de seguridade, respecto e empatía onde poder exercer a súa maternidade e os seus dereitos en paz.
Pepa Vázquez explicou, como coordinadora xeral de Boa Vida, que colaboran con este proxecto "polo traballo integral que fai AIRE na localidade" e poque "ten unha influencia moi directa nas mulleres que están criando e iso mellora a súa calidade de vida a longo prazo, que supón rachar co círculo da pobreza".
Segundo explicou, para esta entidade pontevedresa é moi importante que a organización coa que traballan non faga só un traballo puntual de levar alimentos ou produtos sanitarios unha vez ao ano e logo desapareza, senón que "é un proxecto que funciona todo o ano e que temos a seguridade de que a súa trazabilidade chega ao destino e as persoas o aproveitan".
O presidente de Rotary Pontevedra, Juan Carlos Pérez, explicou que cada curso rotario o colectivo elixe causas e proxectos cos que colaborar e optaron por esta este ano, actuando de "canalizadores" de axuda.