Cuntis, Moraña e A Illa, nun proxecto piloto para loitar contra a fenda dixital e a soidade
Por Redacción & Natalia Puga
Os municipios pontevedreses de Cuntis, Moraña, A Illa de Arousa, Forcarei e As Neves participarán no proxecto piloto 'Hub para a loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada no medio rural da provincia de Pontevedra', unha iniciativa da Deputación Provincial que se realizará entre os anos 2023 e 2024 cun orzamento de medio millón de euros.
Os alcaldes e alcaldesas de Cuntis, Manuel Campos; Forcarei, Verónica Pichel; A Illa de Arousa, Carlos Iglesias; Moraña, José Cela; e As Neves, Xosé Manuel Rodríguez, mantiveron este venres un encontro coa presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, para falar do proxecto.
A iniciativa recibiu unha achega de máis de 280.000 euros do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico dentro das subvencións para o financiamento de proxectos promovidos por entidades locais para a innovación territorial e a reactivación da actividade socioeconómica e a loita contra o despoboamento. De feito, foi un dos proxectos máis valorados do Estado.
Tal e como informou a Deputación despois do encontro, Carmela Silva trasladou aos alcaldes e alcaldesas que está "convencida" de que o rural ten futuro e é necesario dotalo de recursos, servizos e dereitos para que eses concellos "sexan sitios apaixonantes e nos que sexa unha marabilla vivir".
A presidenta agradeceu aos cinco concellos participantes o seu "compromiso" e "complicidade", porque "sen iso e sen medidas non teremos resultados".
Estes concellos, asegurou a presidenta, van ser "referentes" na loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada, dous "graves problemas" que afectan moito o rural.
"A relación humana é fundamental porque somos seres sociais, e temos que darlle unha resposta desde o dixital", sinalou Carmela Silva.
Este proxecto busca a mellora das habilidades dixitais, orientado especialmente a persoas maiores e mulleres (aínda que se poderían sumar outras persoas que detecten esta necesidade), especialmente no ámbito rural onde a fenda dixital é máis patente, e que chegará a aproximadamente 500 persoas.
O programa articúlase en tres bloques principais: capacitación e formación en habilidades e competencias dixitais, desenvolvemento dunha plataforma innovadora de formación cun módulo de creación de contidos e, por último, desenvolvemento de servizos e solucións inclusivas e accesibles adaptadas á contorna e aos colectivos en risco de exclusión en municipios de reto demográfico de carácter rural.
Relacionadas:
-
O 'Informe Cero' presentado pola Deputación alerta da 'mala saúde' da Lingua de Signos Galega
Por Redacción |
-
Máis dun cento de expositores e actividades xa está abertas ao público en Culturgal
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
A Deputación posiciónase contra o negacionismo promovendo alianzas desde o feminismo
Por Oskar Viéitez |
-
O goberno provincial aproba un plan de 2,5 millóns para cofinanciar os servizos sociais comunitarios
Por Oskar Viéitez |