Jorge Cubela, escollido por unanimidade como candidato do PP a renovar o mandato
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A executiva local do Partido Popular de Cerdedo-Cotobade decidía, por unanimidade, que Jorge Cubela opte á reelección como alcalde do municipio nos próximos comicios municipais previstos para maio de 2023.
Luís López, presidente provincial do PP; Luisa Piñeiro, secretaria xeral; e o ex alcalde de Cerdedo, Silvestre José Balseiros, participaron neste encontro.
Cubela leva doce anos á fronte da alcaldía e manifestou a súa intención de revalidar os resultados para obter a cuarta maioría absoluta e "dar continuidade ao gran proxecto que temos" asegurando que se está producindo unha "transformación moi importante a nivel de infraestruturas e de servizos" no municipio.
Agradeceu tamén o "apoio constante" tanto do seu equipo como da veciñanza. "Son un alcalde de San Xurxo, que vive e fai vida aquí", explicou para insistir en que quedan proxectos fundamentais que se están xestionando e aos que quere dar continuidade.
Luís López destacou a dilixencia, proximidade e xestión de Cubela citando arranxos de pistas, acondicionamentos de centros sociais, melloras en centros educativos e recuperación de valor patrimonial, entre outros obxectivos alcanzados. Ademais tamén se referiu ao "magnífico traballo" que o candidato popular realiza como portavoz do grupo provincial do PP na Deputación de Pontevedra.