A nova edición de "En ruta coa Depo" ofertará 20.000 prazas
Por Redacción
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar as bases reguladoras dun dos programas sociais de maior participación, "En Ruta coa Depo", que ofrece alternativas de ocio e tempo libre ás asociacións e entidades do territorio.
Como destacou este venres a presidenta Carmela Silva, preto de 100.000 persoas percorreron xa a provincia con este programa desde a súa posta en marcha no 2016.
Para o vindeiro ano 2023 "En Ruta coa Depo" volve ofrecer un total de 20.000 prazas, cun orzamento previsto de licitación de preto de 480.000 euros, o máis elevado ata o momento.
"En Ruta coa Depo" consiste en pasar un día de convivencia pola provincia a elixir entre 33 rutas que transcorren por lugares emblemáticos. Das citadas 20.000 prazas, 300 serán gratuítas para persoas con dificultades económicas ou risco de exclusión social.
Carmela Silva explicou que o obxectivo é dotar ás asociacións de recursos para promover o envellecemento activo e crear espazos de unión e convivencia, e neste caso con especial atención ás persoas con diversidade funcional.