A humanización da Praza do Pazo custará preto de 700.000 euros
Por Redacción
Cinco meses durarán as obras de humanización da Praza do Pazo. Así figura no prego da licitación desta obra, que sae a contratación por case 693.000 euros e que o Concello de Sanxenxo financiará con fondos propios.
Esta actuación, pensada para que todo este espazo teña un maior dinamismo, creará dúas plataformas horizontais de zonas verdes e outras dúas en pavimento de pedra que se unirán con percorridos accesibles, potenciando a interacción social e a actividade comercial da praza.
As obras centraranse nos 2.371 metros cadrados da praza, mellorando tamén a conexión entre a Rúa dos Mariñeiros e a Rúa dos Cesteiros, convertendo o espazo nunha zona polivalente con capacidade para 1.350 persoas.
A vexetación cobrará no proxecto unha especial relevancia como control solar e térmico. Está prevista a plantación de árbores de folla caduca e a colocación de dez chorros de auga a modo de fonte.
A plataforma horizontal maior destinarase principalmente a actividades e espectáculos ao aire libre. A escaleira de acceso principal desde a Rúa Madrid incluirá tres zonas máis elevadas, a modo de bancadas, que xerarán bancos corridos con acabado en madeira.
En canto ao mobiliario da praza, contémplase a instalación de quince luminarias de modelos diferentes que mellorará unha importante deficiencia actual do espazo e seis bancos.
O proxecto acometerase tras a realización dun estudo de viabilidade co que se revisaron 113 vivendas e locais, ademais de fachadas e zonas comúns que rodean este espazo.
Ademais, como a praza atópase nas inmediacións do Pazo dos Duques de Patiño esta actuación conta tamén co visto e prace de Patrimonio.
Relacionadas:
-
A Praza do Pazo estreará a súa nova imaxe dentro de cinco meses
Por Redacción |
-
Sanxenxo contrata un protocolo de danos previo ás obras da Praza do Pazo
Por Redacción |
-
Licitan o proxecto de humanización da Praza do Pazo de Sanxenxo
Por Redacción |
-
Telmo Martín pide unha contribución especial aos veciños para reformar a Praza do Pazo
Por Oskar Viéitez |