Xornadas de portas abertas para coñecer o ximnasio municipal da Illa de Arousa
Por Redacción
O novo ximnasio municipal da Illa de Arousa instalado no Edificio de Usos Náutico terá unhas xornadas de portas abertas, totalmente gratuitas, os días 26, 27 e 28 de decembro de 16 a 22 horas.
Os interesados en coñecer a fondo estas instalacións poderán tamén practicar algún deporte nelas . Pero será o 2 de xaneiro cando se realice a apertura co horario habitual, pechándose o día 5 de xaneiro en horario de tarde por convenio así como o 6 e 7 de xaneiro por festivos.
Así o anunciou este venres Carlos Iglesias, alcalde de A Illa, quen tamén adiantou que o ximnasio abrirá case 60 horas semanais: De luns a sábado de 9 a 13:30 horas e de luns a venres de 16 a 22:30 horas. Haberá un uso compartido cos deportistas federados e que compiten no club de Piragüismo que poderán utilizar a instalación acompañados dos seus adestradores entre as 16 e as 19 horas.
Os usuarios que van a actividades como pilates poderán acollerse a unha tarifa especial para Pilates e ximnasio ou Pilates + ximnasio + actividades, así como os de Aeróbic e mantemento que poderán ter a tarifa de ximnasio + mantemento e aeróbic xunto co resto das actividades ofertadas.
Por último, Carlos Iglesias destacou o traballo que se está a realizar dende a Fundación Deportiva Municipal que xunto co Concello de A Illa e, nestes momentos, a Agrupación de Mexilloeiros Illa de Arousa así como cada un dos clubes que a conforman (Ximnasia, Piragüismo, Dornas, Xadrez, Fútbol ou Baloncesto), "foron capaces de darlle a un pulo ao deporte do noso pobo despois destes anos tan difíciles de pandemia. Así pois, dende a Fundación estamos a recuperar as cifras que tiñamos antes da pandemia de xente que practica actividade física no noso concello".