Finaliza a campaña en TikTok sobre a biografía de mulleres pontevedresas
Por Anxo Lourido
En abril comezaba o programa A Memoria das Mulleres, ciclo de creación e divulgación de propostas audiovisuais protagonizadas por creadoras de contido de Galicia e publicadas na plataforma TikTok. Este programa impulsado pola concellería de Patrimonio Histórico chega agora á súa fin.
Durante estes meses, María Rúa (@pradorua), Helena López (@cousasrarismas) e Sara Seco (@sarasecorial) divulgaron biografías de mulleres que forman parte da web Do gris ao violeta.
A última peza foi elaborada por Helena López recollendo un resumo da vida de Concepción Arenal e o vídeo iníciase coa frase "Abride escolas e han pechar os cárceres", cita histórica da escritora e experta en dereito galega.
Tamén se lembra a escena en que Concepción Arenal vestiu de home para poder cursar estudos superiores e posteriormente desempeñar o seu traballo como funcionaria de prisións mentres exercía un significativo activismo social para axudar as persoas máis desfavorecidas.
Ao longo de toda a campaña publicáronse oito vídeos. Xaquín Moreda, concelleiro de Memoria Histórica, afirma que a intención desta iniciativa era achegar ao público xuvenil estes contidos a través de novos espazos dixitais.
O cancelo #AMemoriaDasMulleres suma en TikTok un total de 155.000 reproducións e varios vídeos viralizáronse sendo compartidos tamén en Twitter ou en Youtube.
Relacionadas:
-
'A memoria das mulleres' promociona catro podcast para disfrutar paseando pola cidade
Por Redacción |
-
Ángeles Ruibal, protagonista do Tik Tok de María Rúa no marco do programa A Memoria das Mulleres
Por Redacción |
-
As mulleres do mar de Pontevedra 'conquistan' TikTok da man de Sara Seco
Por Redacción |
-
A señorita Carmiña é a nova protagonista do TikTok de Helena López
Por Redacción |
-
A vida da curandeira Rosa Malvar Sanmartín, contada en TikTok por Sara Seco
Por Redacción |
-
María Rúa, Helena López e Sara Seco divulgarán en Tik-Tok A Memoria das Mulleres
Por Redacción |