Nova sesión do taller práctico para aprender a usar a aplicación Sergas Móbil no centro de saúde Virxe Peregrina
Por Redacción
O centro de saúde Virxe Peregrina de Pontevedra continuou hoxe coa súa programación de obradoiros prácticos destinados a fomentar a capacitación tecnolóxica de pacientes, nunha iniciativa didáctica orientada a mellorar as súas habilidades na solicitude de cita electrónica e uso da páxina web do Sergas.
Dito obradoiro, enmarcado nas actividades previstas no Plan de Saúde Local do centro de saúde pontevedrés que comezaron en outubro, quere facilitar aos pacientes o acceso a estas novas ferramentas, cada vez máis operativas e funcionais para comunicarse no entorno tecnolóxico e telemático actual, tamén cara a poder realizar algunhas xestións e consultas co entorno asistencial máis próximo.
Estes obradoiros están dirixidos a usuarios do Sistema Sanitario Público que, por diversas razóns, teñen dificultades no acceso ás aplicacións que brindan estas novas ferramentas. Así, o obradoiro desenvolvido hoxe no Virxe Peregrina efectuouse en colaboración coa fundación Amigos de Galicia e a Xunta de Galicia, nunha iniciativa que terá continuidade os vindeiros martes 20 e 27 de decembro de 2022 para continuar ensinando a usuarios da Atención Primaria maiores de 65 anos as posibilidades que lles ofrece a ferramenta Sergas Móbil, coas súas principais funcións e aplicacións.
Cómpre lembrar que, desde o pasado febreiro, o centro de saúde Virxe Peregrina de Pontevedra foi, xunto ao de Cambados, o primeiro da área sanitaria e un dos catorce do Servizo Galego de Saúde na Comunidade Autónoma en dispoñer dun Plan de Saúde Local
Dito Plan estrutúrase en catro eixos: a mellora da satisfacción dos usuarios, a mellora da satisfacción dos profesionais, o enfoque comunitario e a eficacia na organización da Atención Primaria e a promoción de hábitos saudables na poboación.