Caldas vai de festa para quentar motores para o Nadal
Por Redacción
Case dúas semanas despois de iluminar a vila coas luces de Nadal, Caldas de Reis pisa o acelerador para celebrar estas entrañables festas.
O auditorio municipal acollerá unha Festa de Nadal o próximo sábado 17, as 17:00 horas, cun espectáculo de maxia de Leo Leiño e unha merenda posterior; ao que se suman os obradoiros de decoración do Nadal que se están a desenvolver estas semanas no Fogar do Maior.
Ata o próximo domingo 18 está aberto o prazo de inscrición do III Concurso de Decoración de Nadal, que premia a decoración de xanelas, balcóns e fachadas de vivendas particulares ou de comunidades de veciños.
Ademais, do 22 ao 25 de decembro instalarase na contorna das Palmeiras o primeiro Mercado de Nadal, organizado pola asociación de hostalería, con postos de establecementos de comercio, gastronomía e artesanía, e cunha programación de actividades musicais e de animación.
Esta programación complétase, entre outras cousas, co quinto concurso de beléns en establecementos comerciais con dúas modalidades, creativa e tradicional, que teñen que estar expostos entre o 16 de decembro e o 6 de xaneiro.
A concelleira de Cultura, María López Buceta, agradece as iniciativas veciñais, "cheas de ilusión e moita dedicación e esforzo, para embelecer moito máis Caldas de Nadal e Reis nestas datas”.
A implicación cidadá completa ademais a decoración instalada polo propio Concello, con adornos no barrio da Ferrería e nas rúas Souto María López, Igrexa e Fornos, Constitución, Alhóndiga, Pasionistas, San Roque ou Campo da Torre, entre moitas outras.