Marín instala pictogramas de fácil comprensión en todos os departamentos municipais
Por Redacción
Marín quere ser un Concello inclusivo para todos e todas as persoas. Un lugar onde ninguén quede atrás. Con ese obxectivo, as concelleiras Marián Sanmartín e Cristina Acuña presentaron este mércores as novas placas que se utilizarán para sinalizar os principais departamentos dentro da Casa Consistorial, así como para indicar os espazos doutras infraestruturas de titularidade municipal.
Tal e como explicou Sanmartín, “traballamos coa asesoría da Fundación Juan XXIII e da Fundación Menela e decidimos utilizar os pictogramas recollidos e avalados pola rede Plena Inclusión, da que forman parte organizacións que se encargan de velar polo cumprimento dos dereitos das persoas con discapacidade intelectual e de desenvolvemento a nivel estatal”.
Estes pictogramas replican dun xeito sinxelo e con códigos comprensibles para persoas que presemtan Trastornos do Espectro Autista (TEA) ou outras problemáticas de neurodesenvolvemento o nome de cada unha das estancias que se poden ir atopando ao longo do Consistorio ou dos locais municipais.
Deste xeito, actúase na sinaléctica dos aseos, Secretaría, o Padrón, Tesourería ou o Salón de Plenos. Estas placas tamén estarán no Museo Manuel Torres, a Biblioteca Pública Vidal Pazos ou as Casas de Cultura.
“As persoas con TEA ou con outras situacións clínicas precisan entornos comprensibles para mellorar a súa autonomía, autoestima e calidade de vida e por iso a información debe estar de forma sinxela. Pero tamén é unha axuda indispensable para aqueles que non dominan a lingua local ou que presenten dificultades na comprensión da Información”, explica a edila.