Poio está en disposición de reducir un 40% as súas emisións de carbono antes do ano 2030
Por Redacción
O Concello de Poio asegura que foi quen de reducir en preto dun 10% as emisións de CO2 nos últimos anos, grazas ao impulso de máis de 20 iniciativas, programas e accións encamiñadas a dar cumprimento ao compromiso adquirido coa súa adhesión ao Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES), ao que se sumou en novembro de 2020.
O informe elaborado pola entidade responsable de realizar o seguimento do devandito plan recolle accións como a mellora da envolvente térmica en infraestruturas municipais, campañas de aforro enerxético, a renovación da frota municipal ou a humanización en rúas e vías nas que se aposta polo tránsito peonil en detrimento do vehículo son algunhas das actuacións realizadas e consolidadas ao longo do presente mandato.
Tamén recolle o éxito do tratamento do lixo a través de ferramentas como a compostaxe ou o Punto Limpo Móbil e os incentivos fiscais que se aprobaron en 2022 para fomentar a adquisición de automóbiles eficientes e non contaminantes.
A concelleira de Seguridade Cidadá e Patrimonio, Marga Caldas, sinalou que "o documento corrobora que nos atopamos no bo camiño para a consecución dos obxectivos marcados", apunta.
Deste xeito, de continuar consolidando esta tendencia nos vindeiros anos, "chegaremos á porcentaxe de redución de emisións de carbono estipulada na Axenda 2030", explica Caldas.
"Estamos nunha situación moi boa, pero seguiremos traballando para continuar consolidando a Poio como un concello de referencia no que a sostibilidade enerxética e respecto polo medio ambiente se refire", engade a edil, que lembra, precisamente, que esta é unha das metas que se inclúen dentro da campaña Poio en Verde, impulsada de xeito transversal polas áreas de Medio Ambiente, Educación, Seguridade Cidadá, Patrimonio e Deportes, na que tamén se aposta polo fomento de hábitos saudables e a dotación de espazos de esparcemento ao aire libre.
"O informe tamén define as actuacións que debemos seguir de cara ao futuro para adaptarnos ao cambio climático e na loita contra a pobreza enerxética, cuestións nas que tamén debe existir un compromiso firme por parte da cidadanía", salienta Marga Caldas.
Precisamente, con respecto á implicación cidadá, a concelleira do goberno municipal salienta que un dos apartados importantes deste estudo foi a enquisa virtual a través da cal a veciñanza de Poio tiña a posibilidade de realizar as súas achegas e suxestións sobre todo o relacionado co cambio climático e a eficiencia enerxética.
Así, o 83% das persoas participantes no cuestionario recoñecen ter realizadas xa accións encamiñadas a abaratar os custes enerxéticos. Ademais, o 100% amósase partidario de que o Concello conte con partidas específicas encamiñadas a mitigar as consecuencias do cambio climático.
Con respecto ás actividades de interese vencelladas a este eido, a máis votadas foron as relacionadas con charlas informativas sobre as tarifas da luz e sobre axudas económicas, así como a compostaxe.