O orzamento de Poio para o vindeiro ano chega aos 13,5 millóns
Por Oskar Viéitez
O Goberno local de Poio ten previsto aprobar o Orzamento municipal correspondente ao ano 2023 na sesión ordinaria do vindeiro día 27 de decembro. As contas chegan a un total de 13,5 millóns de euros, o que supón un novo máximo histórico.
O concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro, salienta as taxas municipais e impostos municipais seguirán conxelados por décimo exercicio consecutivo o que el interpreta como "o mellor indicador de que Poio é un concello en crecemento, dinámico e saneado economicamente, capaz de xerar ano a ano novos recursos sen necesidade de incrementar os impostos".
Barreiro Lubián subliña que os novos ingresos xerados correspóndense "ao crecemento do censo e da propia dinámica económica do municipio".
O 11% do total do Orzamento (máis de 1,5 millóns de euros) destinaranse a todo o relacionado con asistencia social primaria, o que se traduce nun incremento de 263.000 euros con respecto á partida de 2022. Cómpre lembrar que o Concello asumiu un maior investimento na renovación do contrato do Servizo de Axuda do Fogar, para garantir unha prestación nas mellores condicións en calidade e número de horas.
O Concello de Poio reduce a débeda en 755.000 euros, caendo do 65 ao 57%. O titular da área confirma que non hai previsión de realizar operacións de préstamo no 2023.
As previsións de cara a liquidación do Orzamento aínda vixente están estimadas por riba dos 15 millóns de euros, cun aumento do 16%.
No apartado de investimentos se contemplan máis de 327.000 euros. "Existe una merma con respecto a años anteriores porque en esta ocasión solo se recogen aquellas inversiones ya comprometidas y teniendo en cuenta las elecciones previstas para mayo de 2023", apunta o titular de Facenda, que estima que o Remanente de Tesourería volverá a quedar fixado nuns 2 millóns de euros.
Este ano tamén se manterán as bonificacións que entraron en vigor neste 2022. Deste xeito, volverase aplicar unha redución do 50% no recibo do IBI a familias numerosas con rendas inferiores aos 30.000 euros anuais. Tamén haberá descontos do 25% para vivendas construídas antes do ano 2007 que contemplen a instalación de sistemas de aforro enerxético (como paneis solares, por exemplo) e de hasta o 95% para explotacións agrarias. As bonificacións tamén se consolidan para o Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM), dun 50% para aquelas persoas que dispoñan ou adquiran automóbiles híbridos. No caso dos eléctricos, haberá unha exención do 75%.
Relacionadas:
-
O PP votará en contra dos orzamentos de Poio porque teñen 'ADN Tripartito'
Por Oskar Viéitez |
-
A nova PO-308 entre A Barca e Porteliña: sen semáforos, con lombos, beirarrúas máis amplas, mellores servizos e máis seguridade
Por Manu Otero |
-
Aprobado o proxecto para a reforma integral da rúa Ramón Encinas, en Raxó
Por Redacción |