O núcleo de Xesteira, en Cerdedo-Cotodade, terá unha Casa do Pobo en 2023
Por Redacción
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, comprometeuse ante os directivos da Asociación de Veciños da Xesteira a que o Concello convertirá nunha prioridade para o ano 2023 a construción dunha Casa do Pobo reclamada pola veciñanza.
Jorge Cubela adiantoulles aos membros da xunta directiva da Asociación de Veciños da Xesteira presentes na xuntanza, Óscar e Maite Pichel, que despois de facer a consulta popular entre a veciñanza do lugar para recoller propostas para ubicar o centro veciñal, os técnicos municipais están xa valorando 4 propostas feitas polos veciños.
A intención do equipo de goberno é contar co informe dos técnicos municipais coa intención de facer unha valoración pormenorizada de todas e cada unha das catro propostas co fin de que a que se elixa sexa a máis acaída e eficientes desde todos os puntos de vista co obxectivo claro e irrenunciable de que no ano 2023 os veciños de Xesteira conten cunha Casa do Pobo.
Por outra banda, a Asociación de Veciños de Xesteira trasladoulle ao alcalde outra serie de propostas e peticións relacionadas con este núcleo rural coa intención de que foran tidas en conta polo equipo de goberno e se incluíran nas actuacións que teñen previsto acometer para o vindeiro ano.
O alcalde Jorge Cubela cualificou de moi construtiva a xuntanza e manifestou o seu desexo de “ir da man dos veciños nun tema tan importante e fundamental para a veciñanza como é dotar o ano 2023 dunha Casa do Pobo a Xesteira, un lugar que debe supoñer un esforzo de xenerosidade, concordia e un punto de unión para toda a veciñanza. Dotar dun local de reunión e disfrute dos veciños de Xesteira vai ser unha prioridade do equipo de goberno para o 2023 e nós temos por costumecumprir coa palabra dada e esta non vai ser unha excepción”, manifestou con rotundidade o rexedor.