Xesteira estrea a súa nova senda peonil pola PO-233
Por Redacción
Uns 48.000 euros investiu a Xunta de Galicia na senda peonil que vén de estrear na estrada PO-233, que une Ponte Bora con Carballedo. Trátase dun itinerario de 280 metros situado no lugar de Xesteira, na parroquia de Almofrei.
A nova senda, que foi inaugurada este mércores polo delegado territorial da Xunta, Luis López, e polo alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, foi construída en formigón en cor terrizo e ten unha anchura de dous metros.
O itinerario vai sobre unha capa de 16 centímetros de grosor que se completou cun bordiño elevado dez centímetros sobre a plataforma da calzada.
Ademais, realizáronse obras complementarias como a canalización subterránea da drenaxe ou a colocación dunha varanda metálica para evitar as caídas laterais dos peóns.
A actuación incluíu a reubicación da marquesiña e dos contedores do lixo, o retranqueo dun espello de seguridade para facilitar a saída de vehículos dun cruzamento anexo e o repintado completo das marcas viarias.
"Esta zona, moi transitada pola veciñanza, precisaba desta solución para corrixir certos problemas de visibilidade na beiravía e outorgar máis seguridade aos peóns", explicou o delegado.