O servizo de información de axudas á vivenda do Concello de Cuntis atendeu a máis de 100 familias
Por Redacción
O Servizo de Información sobre Axudas á Vivenda, operativo no Centro de Formación Ocupacional "A Ran" desde o mes de Xullo, continua atendendo as consultas das familias do Concello de Cuntis.
Son xa preto de cen as familias que se teñen achegado ó servizo e interesado polas subvencións que proveñen dos fondos europeos e estatais do Next Generation e Plan Estatal de Vivenda 2022-2025.
Neste momento estase informando prioritariamente sobre as axudas ó aluguer que desde o 2 de xaneiro do 2023 permitirán optar a axudas a todas as persoas de Cuntis cun aluguer máximo de 400 euros (excluída a garaxe, rocho e gastos de comunidade) e con ingresos anuais da súa unidade de convivencia entre 0,5 e 3 veces o IPREM (aproximadamente entre 3.954,30 euros e 23.725,80 euros anuais) e que cubrirán un 50% do total do mesmo durante un máximo de 5 anos.
Estas axudas se suman a aquelas que durante o ano permitiron a xuventude, de menos de 35 anos, optar a un "bono mocidade" de 250 euros ó mes para o pago do aluguer, así como optar a un máximo de 10.800 euros para compra de vivenda no ámbito do concello.
Por outra banda, despertan especial interese entre a xente aquelas axudas que responden ás melloras de eficiencia enerxética, e nas que a veciñanza de Cuntis pode optar ás denomidas axudas PREE 5000, unhas axudas específicas só para concellos que pertencen ó grupo do Reto Demográfico, e por tanto cunha partida económica exclusiva.
Desde o concello animan á veciñanza Cuntiense a seguir facendo uso desta Oficina de Información, en especial para coñecer con tempo suficiente os requisitos necesarios para optar ás axudas e así poder optar con máis garantías ás novas convocatorias das mesmas, moitas delas previstas para primeiros de ano 2023.