Recta final das obras no barrio cuntiense do Espadenal, "tras 20 anos sen tocarse"
Por Redacción
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, visitou este luns e acompañada do alcalde de Cuntis, Manuel Campos, as avanzadas obras de reordenación das rúas Olimpio Arca e Xohán Xesús González, coñecidas como o barrio do Espadenal, financiadas ao abeiro do plan ReacPon. A actuación ten un orzamento total de 578.418 euros dos que 496.933 foron aportados pola Deputación.
Carmela Silva salientou que esta obra "permite afrontar as necesidades de saneamento e abastecemento deste barrio" no que se sitúan o centro de saúde e o auditorio municipal. "Cuntis é un exemplo de dotar as súas veciñas e veciños de moita máis calidade de vida", engadiu a presidenta.
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, agradeceu a Deputación "por poder acometer esta obra grazas ao ReacPon" pero tamén "por todos os investimentos que levamos feitos nestes anos grazas ao Plan Concellos e outros programas".
O rexedor municipal puxo en valor que este investimento permite actuar "nun barrio que se levaba sen tocar máis de 20 anos, para pasar de ter unhas rúas envellecidas a unhas rúas modernas".
Con esta obra renovouse o parque infantil, con nova iluminación e pavimento de seguridade, mailos aparatos biosaudables no espazos que rodea a pista de xogos. Ademais, ampliáronse os espazos de circulación e estancia peonil, cunha mellora da accesibilidade aos equipamentos e infraestruturas da vila. A velocidade de circulación rodada redúcese en todo o ámbito dos 30 quilómetros por hora actuais aos 20 km/h.
Nas rúas Olimpio Arca e Xohán Xesús González tamén se melloran os servizos urbanos para mellorar a sostibilidade no uso da auga, evitando o seu desperdicio e controlando a evacuación de vertidos. Neste sentido, renóvanse as redes de augas fecais, pluviais e de auga potable. Tamén se instalan novos elementos de sinalización, como marcas viarias reflexivas brancas e sinais luminosos para os pasos peonís, unha nova rede de alumeado máis eficiente que reforza a iluminación nestes pasos peonís mailo parque, e novos elementos de mobiliario urbano como papeleiras, bancos e mesmo un banco con carga de teléfonos móbiles alimentado con enerxía solar. Deste xeito, soluciónanse os problemas na rede de auga potable (problemas de rotura ou cortes no subministro) e na rede de augas fecais e pluviais (que non contan coa condución nin a evacuación axeitadas). Ademais, os equipamentos públicos e deportivos da zona estaban en desuso e precisaban unha dinamización.
Relacionadas:
-
Cuntis estrea a transformación integral do barrio do Espadenal
Por Redacción |
-
O servizo de información de axudas á vivenda do Concello de Cuntis atendeu a máis de 100 familias
Por Redacción |
-
A reforma da Rúa da Palma e a reordenación do Espadenal, dúas obras para a "transformación histórica" de Cuntis
Por Redacción |
-
Cuntis aproba o convenio coa Deputación para reformar o Espadenal
Por Oskar Viéitez |