O Concello acometerá a impermeabilización do Centro cultural Xaime Illa
Por Redacción
A Xunta de Goberno Local do Concello de Poio vén de aprobar o expediente para iniciar o proceso de contratación da impermeabilización parámetros verticais e horizontais no Centro Cultural Xaime Illa Couto, na parroquia de Raxó.
Trátase dunha actuación que contará cun orzamento que ascende a un total de 47.778 euros, e que, tal e como explica a tenente de alcalde e concelleira de Espazos Cidadáns e Participación Veciñal, Silvia Díaz, é necesaria para eliminar as filtracións de auga e humidade que se producen a través da cuberta.
As tarefas porán punto e final aos danos e ao deterioro que se teñen ocasionado pola entrada do humidade, por mor do paso do do tempo e das condicións meteorolóxicas. A memoria técnica constata que a actuación servirá para impermeabilizar a cuberta plana transitable, así como a fachada e as carpinterías exteriores. Deste xeito, levarase a cabo un selado de xuntas co aplacado de pedra natural empregando un morteiro flexible.
Repararanse, asemade, as fisuras existentes, mediante a aplicación dun morteiro hidráulico e un fixador de pliolite para, posteriormente, aplicar un revestimento elástico antifisuras, a base de resina acrílica.
O proxecto contempla a maiores o saneado da cuberta plana e a reparación dos teitos de escaiola. O prazo de execución estimado para completar estes traballos é de dous meses.
Unha vez aprobado o expediente, ábrese o proceso de licitación. A tenente de alcalde confirma que o desenvolvemento destes traballos realizarase de tal xeito que interfiran o menos posible coas programacións que se levan a cabo no interior das dependencias, tanto por parte do Concello como das asociacións que desenvolven actividades e que fan uso do centro cultural.