Artesáns de Vilaboa plantan cara ao mal tempo e defenden un consumo sostible
Por Redacción
Oito artesáns de Vilaboa comparten ata o día 8 de xaneiro as casetas situadas baixo unha carpa que da forma ao Mercadiño de Nadal organizado este ano por segunda vez polo Concello de Vilaboa. Unha proposta do goberno local que nesta edición logrou de novo a complicidade dos artesáns locais, dispostos a facerlle fronte á chuvia e ao vento para consolidar unha iniciativa que vai máis alá da comercialización dos seus artigos. Buscan aportar alternativas sostibles no medio rural e concienciar sobre un necesario cambio de hábitos nos consumos.
Este ano, e coa intención de mellorar a visibilidade do Mercadiño e darlle un carácter itinerante, está ubicado en Riomaior, ao pe da carretera como un pequeno escaparate do potencial creativo do rural.
Xoiería artesanal, esmaltes, manualidades, alimentación ecolóxica, prendas de segunda man, xabóns artesanais, adornos e complementos con impresión instantánea, repostería caseira e viño quente son algunhas das opcións coas que Vilaboa se posiciona na ampla oferta de mercadiños de nadal.
Están nas casetas tamén a rapazada do CPI O Toural, buscando financiar a excursión de fin de curso de cuarto da ESO con artigos elaborados por eles. Detrás de cada produto hai unha historia de creación e de inspiración, a que lle imprime cada artesán participante: Laura Filgueira, Zeltia López, Pilar Blanco, Montserrat Rosendo, Rocío Jiménez, Carmen Castro, Cecilia Gómez; Xacobe García e Carlos Acuña, que capturan os sabores da horta de Vilaboa nun tarro de marmelada.
Eles son Alcrique Eco e repiten edición. Elaboran os seus produtos con froita colleitada no municipio mediante un proceso ecolóxico e sostible. Así convertiron nunha opción laboral as posibilidades do entorno rural no que medraron e que queren compartir con quenes aposten por un plus de calidade e de sustentabilidade nas súas mesas.
Tamén Pilar Blanco, de Obradoiro Hedra, recunca no Mercadiño para ofrecer exclusividade coas súas pezas de xoiería, esmaltadas artesanalmente con técnicas tradicionais para quenes busquen diferenciarse. A camelia é de novo este ano a raíña do stand, a flor do inverno inspira a Pilar Blanco que fixo da súa paixón pola emblemática árbore das Rías Baixas un referente nas súas pezas de xoiería, con broches, pendentes, colgantes e anels, etc.
Laura Filgueira proba sorte por primeira vez. Faino coa súa aposta emprendedora, Erre3, unha tenda de artesanía coa que lle da unha segunda vida a madeira usada, convertendoa nun adorno de Nadal, nunha taboa de cociña ou nun chaveiro. Pode personalizar cada agasallo axudándose dun láser instalado no propio stand.
Ainda que menos innovador o stand que comparten Montserrat Rosendo e Carmen Castro, 'Cachito', de seguro ten capacidade para sorprender. Artiluxios usados de todo tipo, pezas de arte en madeira, antigüidades, prendas vintage e “vellerías”, como lles gusta chamalas, buscan unha segunda vida en fogares que aprecen a beleza da calidade. E para quen simplemente queira conversar sobre o uso que antaño tiñan algunha das pezas reunidas nesta caseta terán nestas dúas veciñas de Vilaboa unas excelentes conversadoras.
O alumnado do colexio do Toural de 4º da ESO está tamén no Mercadiño de Vilaboa. Comercializan xabóns artesáns e artigos de agasallo elaborados por eles mesmos para financiar a excursión de fin de curso, nunha caseta atendida por Cecilia Gómez e Rocío Jiménez.
O stand máis atrevido é o de Zeltia López, de obrigada visita para repoñer forzas cun chocolate quente ou un viño con especias, pero tamén para degustar unha merenda que varía cada día segundo o menú que teña elaborado. Recoñece que as pizzas son do máis demandado, pero a ela gústache ofertar bocadillos quentes con diferentes ingredientes e, si pode ser, coas salsas de elaboración propia e co produto da horta de Vilaboa.