"Esta Deputación é a vacina contra o virus do caciquismo da Xunta", asegura Carmela Silva
Por Oskar Viéitez
"Esta Deputación é a vacina contra o virus do caciquismo da Xunta", segundo afirmou a presidenta da administración provincial pontevedresa, Carmela Silva. "Somos o antídoto contra o veleno decimonónico do caciquismo", engadiu.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, ofreceu este venres en rolda de prensa o balance da xestión anual que, asegurou, amosa que a institución é "unha Administración presente en toda a provincia, que ten unha xestión extraordinaria".
A presidenta sinalou que a Deputación remata 2022 xestionando máis de 228 millóns de euros, resultado da suma dos 175,8 millóns de euros do orzamento inicial, os 37 millóns de euros incorporados nas modificacións de crédito e os 15,4 millóns de euros captados a través de fondos europeos.
Carmela Silva asegurou que a Deputación é a administración "que máis fai por todos e cada un dos concellos da provincia de Pontevedra" e insistiu na presenza transversal dos investimentos en toda a provincia: "somos a administración con cobertura no 100% do territorio, non temos zonas de sombra como sucede coa Xunta nesta provincia, que deixa moitos concellos sen os investimentos que lles corresponden".
Carmela Silva contrastou os "dous proxectos políticos antagónicos" de Deputación e Xunta de Galicia e asegurou que "os concellos fan os seus orzamentos e planifican coa mirada posta na Deputación de Pontevedra; a meirande parte deles xa se resignaron a traballar sen a Xunta, na que so atopan confrontación, incluso matonismo institucional e un uso partidista dos fondos públicos".
"Hai unha Deputación municipalista e unha Xunta antimunicipalista", afirmou Carmela Silva algo que demostra, segundo sinalou, "o crecemento ano tras ano dos recursos que dedicamos aos concellos" ata o punto de que, afirmou a presidenta, "hoxe ser alcalde ou alcaldesa na provincia, especialmente nos concellos pequenos e medianos, é absolutamente distinto ao que era antes de 2015".
Carmela Silva resaltou como "os concellos hoxe son máis activos, fortes e transformadores porque hai unha Deputación cun proxecto claro para a provincia e que lles dá un apoio incondicional para que todos avancen máis e máis rápido".
A presidenta lembrou que "todos os nosos investimentos teñen criterios obxectivos" e con iso conseguiuse, sinalou, "que agora todos os concellos reciban un 70% máis de recursos que ata antes de 2015" cando gobernaba o PP, "e no caso dalgúns concellos, que antes non recibían investimentos da Deputación, o incremento sexa de máis dun 100%", rematou.