Os postos baleiros do 'gastromercado' sairán a licitación "en breve"
Por Natalia Puga
A dinamización da primeira planta do mercado de Pontevedra, o coñecido como 'gastromercado', chegará "en brevidade" coa licitación dos postos de comida que están baleiros e que restaron vida a este espazo gastronómico.
A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, explicou a PontevedraViva nos últimos días que no seu servizo están "á espera" dun informe dos servizos técnicos antes de proceder a sacar a licitación estes postos.
Así, lembra que faltaban dous informes, xa se recibiu un e agora están á espera do segundo, do que asegura que "espero que estea en brevidade".
Desta maneira, a súa intención é que "a principios" desde ano 2023 xa se poida licitar os postos e, desta maneira, responder a unha elevada demanda que existe para o espazo gastronómico.
"Temos moita xente chamando e preguntando que teñen necesidade do coller postos para facer algún proxecto", explicou Yoya Blanco.
O Concello de Pontevedra e o CIFP Carlos Oroza están a ultimar a firma dun convenio para incorporar á escola de hostalería a este espazo gastronómico e contribuír á súa dinamización.
A previsión é que a escola xestione de maneira regular tres postos, que ocupan uns 24 metros cadrados, a partir de principios deste ano 2023 coa intención de achegar todas as súas actividades á cidade.
Así, haberá presentacións de produtos gastronómicos, actividades de divulgación, degustacións ou talleres formativos.