O 15 de xaneiro comezan as rutas ornotolóxicas da Deputación no Complexo Intermareal Umia-O Grove
Por Redacción
Volven os roteiros ornitolóxicos 'Voando nas Rías Baixas', que chegan xa á sexta edición cun novo roteiro previsto na praia da Lanzada e a división de dúas dos percorridos habituais de Foz da Ramallosa e o Esteiro do Río Miño, que ata o de agora se realizaba nun só traxecto.
O programa foi presentado pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, que destacou a gran demanda que ofrecen estas sesións para visibilizar aves na provincia. Cualificou como "éxito absoluto" esta iniciativa gratuíta da institución provincial con SEO Birdlife.
Este ano mantéñense as 25 prazas para cada unha das sete rutas que se acometerán entre xaneiro e novembro.
Xa se atopa aberto o prazo para inscribirse na primeira excursión prevista para o domingo 15 de xaneiro pola reserva ornitolóxica do Complexo Intermareal Umia-O Grove, a zona húmida máis importante de Galicia, que permite observar aves acuáticas que inveran no noroeste da península.
Cada grupo terá á súa disposición prismáticos de observación e telescopios terrestres de alta gama para ver as aves a distancia sen molestalas. Ademais, as persoas asistentes recibirán unha guía de aves.
De maneira progresiva iranse abrindo as inscricións para cada actividade na páxina web da Deputación de Pontevedra. A segunda cita chegará o 5 de febreiro e será en Foz da Ramallosa, no municipio de Nigrán. A terceira desenvolverase polas Ribeiras do Umia, entre os concellos de Cambados e Ribadumia, na xornada do 9 de abril. Ambos os espazos están protexidos pola Rede Natrua.
O 19 de xuño a visita será ás Brañas de Xestoso (Silleda-Forcarei-A Estrada) para que as persoas participantes observen aves que migran desde África durante os meses de máis calor.
O roteiro pola praia da Lanzada, entre Sanxenxo e O Grove, celebrarase o 4 de xuño. Alí poderase ver á Píllara das dunas, ave no alto perigo de extinción. Durante os meses de verán realizarase un parón para retomar as actividades o 8 de outubro por Esteiro do Miño, na Guarda. O programa pecharase o 26 de novembro de 2023 cun roteiro pola Enseada de San Simón coa posibilidade de ver aves acuáticas e mariñas.