O complexo intermareal Umia-O Grove, punto de partida da sexta edición de 'Voando nas Rías Baixas'
Por Redacción
Aves acuáticas invernantes como as anátidas, limícolas ou cullereiros foron algunhas das especies que puideron ver os participantes do programa Voando nas Rías Baixas, que iniciou a súa andaina deste ano no complexo intermareal Umia-O Grove.
Estas rutas ornitolóxicas, impulsadas pola Deputación de Pontevedra xunto con SEO Birdlife, arrancaron cun paseo baixo o sol polo que está considerado como un dos mellores lugares de Galicia e de España para a observación de aves acuáticas invernantes.
A ruta descorreu polos concellos do Grove, Sanxenxo, Meaño, Cambados e A Illa de Arousa e permitiu aos participantes coñecer a riqueza ornitolóxica e concienciarse sobre a preservación dos espazos naturais protexidos.
Na andaina, conducida por dúas experimentadas persoas guías ornitolóxicas de SEO Birdlife Pontevedra, os participantes puideron descubrir algunhas das aves que se atopan neste espazo protexido pola Rede Natura 2000 como humidal de importancia internacional.
Para facelo, facilitáronselles prismáticos de observación de aves, así como dous telescopios terrestres de alta gama para poder gozar das aves sen molestalas.
Ademais, recibiron como material didáctico unha guía de aves, o que lles permitiu elaborar a súa propia lista de avistamentos ao longo de toda a ruta.
A próxima visita desta sexta edición de Voando nas Rías Baixas será pola Foz da Ramallosa (Nigrán) e terá lugar o 5 de febreiro e as inscricións estarán abertas desde o 23 de xaneiro.
As Ribeiras do Umia (Cambados-Ribadumia), as Brañas de Xestoso (Silleda-Forcarei-A Estrada), a praia da Lanzada (Sanxenxo-O Grove), o Esteiro do Miño (A Guarda) ou a Enseada de San Simón (Redondela, Vilaboa, Pontevedra e Soutomaior) completarán a oferta deste ano.