Crear emprego para persoas con diversidade funcional coidando o Lago de Castiñeiras, así funciona o Proxecto Natura XXIII
Por Redacción
O proxecto Natura XXIII é unha iniciativa pioneira que busca a mellora da empregabilidade das persoas con diversidade funcional intelectual coa creación de postos de calidade vinculados ao medio ambiente e a protección e conservación deste espazo de 37 hectáreas e inmenso valor natural e paisaxístico.
Este ambicioso proxecto desenvólvese na contorna do Lago de Castiñeiras da man da Fundación Juan XXIII e conta co apoio da Comunidade de Montes de San Xulián e da Deputación de Pontevedra, entre outras institucións.
A presidenta provincial, Carmela Silva, amosou o seu apoio á fundación e puxo en valor o seu labor durante a súa visita ás instalacións en Cotorredondo, na que estivo acompañada do presidente, Antonio Jar, o director, Diego Chapela e o responsable do proxecto, José Luis Mariño.
Xa está en marcha unha primeira fase de formación dual en viveirismo e xardinería, e a fundación busca agora apoio para promover a rehabilitación dos edificios da contorna a fin de promover futuras actividades de restauración, ocio e turismo, nas que estean empregadas as persoas beneficiarias.
Carmela Silva confirmou que "temos que ver as diferentes posibilidades para ver que implicación a maiores pode ter a Deputación". Amais, apuntou que a institución colaborará na busca de fondos europeos que poidan axudar a financiar o proxecto e tamén reivindicou que a Xunta "debería dedicar moitos recursos a proxectos como este, tendo en conta que as competencias de política social están en mans das comunidades autónomas".
O presidente da fundación, Antonio Jar, destacou que Natura XXIII "será unha maneira de potenciar aínda máis esta contorna e permitirá á xente, sobre todo a que ten diversidade funcional intelectual, poder realizar unha serie de traballos dedicados directamente ás persoas que veñen visitar a zona". "A idea que máis nos entusiasma é que poidan chegar a ter un posto de traballo normalizado", subliñou.
O director Diego Chapela incidiu en que se pretende que as persoas empregadas "amosen que teñen unha capacidade produtiva, como calquera persoa". "Todo vai orientado –explicou- a que sexan o referente no parque de Castiñeiras: na conservación do parque, na recepción das visitas e en prestar uns servizos de calidade no entorno".
Engadiu que a iniciativa busca tamén que as persoas beneficiarias poidan finalizar con estes traballos a súa vida laboral e garantir futuras prestacións, tendo en conta os seus condicionantes de deterioro físico e intelectual prematuro, así como mellorar a empregabilidade feminina, "xa que a sección de xardinería está moi masculinizada e podemos compensar ese desequilibrio con este proxecto".
Relacionadas:
-
Os comuneiros aumentarán a vixilancia no Lago de Castiñeiras tras o roubo de seis cabras ananas
Por Anxo Lourido |
-
A creación dun aparcadoiro disuasorio e a mellora dos sendeiros, nun proxecto para revalorizar o Lago de Castiñeiras
Por Oskar Viéitez |
-
A carballeira que abraza e reconforta os peregrinos
Por Alejandro Espiño |
-
O novo centro da Fundación Juan XXIII, un "paso adiante" para a cidade
Por Redacción |
-
A Deputación aproba 2 millóns en axudas para que dez municipios da provincia poidan contratar 176 persoas
Por Oskar Viéitez |
-
Un viveiro de árbores e plantas para integrar a persoas con discapacidade
Por Redacción |
-
Visita ás instalacións da Fundación Juan XXIII no Lago de Castiñeiras
Por Redacción |
-
Usuarios de Juan XXIII constrúen miradoiros de madeira en enclaves naturais de Marín
Por Redacción |