O Carabela presenta novas propostas gastronómicas: carta renovada, menú especial cada día e 'vermuteo'
Despois do seu primeiro mes de andadura, o Carabela consolídase como a referencia en Pontevedra para gozar dunhas tapas ou unha comida informal, a metade do día ou no serán.
O restaurante-gastrobar situado na Praza da Estrela empeza este 2023 cunha nova proposta gastronómica, elaborada polo Chef executivo de Grupo Los Carbones, Alberto Lareo, con pratos "perfectos para tapear e compartir neste local emblemático para a cidade". Así anunciaban nas súas redes sociais a nova carta, na que o cliente atopará pratos coidados ata o último detalle que se converten nunha experiencia para todos os sentidos.
A petición de PontevedraViva, o seu copropietario Miguel Álvarez, xunto con Pablo Reino, Santiago Salgueiro e Salomé Piquenque, do Grupo Los Carbones, aventúrase a destacar algúns pratos na variada carta. "Como recomendación, aconsellaría As Gildas de Atún Marinado e Teriyaki, A nosa Ensalada rusa, as Milfollas de Alibravas, as Empanadillas de Polbo con Emulsión de Pemento e Queixo de tetilla, o "Pepito" de Roast Beef de Picaña, os Ovos Estrelados con Atún picante e Ceboliña chinesa, o Brioche de Steak Tartar e maionesa de Trufa, e por suposto o tradicional e mítico Bocata de Luras; de extraordinaria calidade, saboroso e elaborado co Pan de Amásame, unha recoñecida e prestixiosa panadería artesá de Pontevedra".
Para as sobremesas, Álvarez escolle dúas propostas polo seu carácter diferente, aínda que calquera prato, remarca, é delicioso. O Tartar de Mango, xeado de Piña, Roibois e sopa de Chocolate Branco é un dos elixidos. E o Mascarpone con Cacao e xeado de Licor Café, a outro sobremesa que destaca.
Na web www.carabelarestaurante.es pódese consultar a nova carta e reservar mesa. Quen o desexe tamén pode reservar por teléfono no 986 187 288 ou no correo electrónico reservas@carabelarestaurante.es.
Ademais da nova carta, o Carabela ofrece desde este luns un menú especial cada día pensando naquelas persoas que teñen que comer fóra de casa e buscan unha proposta saudable e creativa, con todo o sabor.
COCIÑA CREATIVA
Na cociña do Carabela, Miguel, Rita, Alejandro e Borja preparan os pratos perfectamente coordinados. Cada referencia do menú require un proceso creativo e un bo facer que o equipo de cociñeiros domina. Como exemplo, a preparación dos Ovos Estrelados con Atún picante e Ceboliña chinesa, para os que Alejandro Barro dispón o tartar de atún coroado por un ovo frito coa textura perfecta para o seguinte paso: a preparación final en mesa.
En sala, os camareiros recollen o prato inmediatamente no montacargas e é o encargado Marco Antonio Rial quen culmina o ritual ante a mirada curiosa dos comensais. "Simplemente o que facemos á hora de levalo á mesa é que o rompemos, coma se fosen uns ovos rotos, e mesturámolo todo. A pataca chip dálle un toque crocante e o atún un sabor exquisito, porque está marinado con sriracha e kimchi", explica Rial.
En total, dez persoas compoñen o equipo de traballo do Carabela, cadro de persoal que está previsto que se incremente con cinco persoas máis no verán.
SÁBADOS E DOMINGOS DE VERMÚ
Miguel Álvarez tamén nos avanza que "en breve, e co bo tempo, teremos sesión vermú a fin de semana". O 'vermuteo' dos sábados e domingos será algo habitual e tradicional na praza, e virá acompañado dunha "tapa de culler" no inverno, e na primavera e no verán "substituirémolo por algo máis fresquiño, ensalada rusa, pintxo ou arrociño".
O Carabela completa a experiencia cunha proposta de coctelería desenvolvida por Josinho Mera, o responsable executivo de licorería de todo o Grupo Los Carbones, ao que pertencen, ademais do Carabela, os exitosos Cacao, La Chida, La Central Gastronómica, ou o Pazo de Cores. O afamado bartender santiagués, tras o seu paso por El Celler de Can Roca, desenvolveu a carta de coctelería dos locais do grupo de restauración.
Relacionadas:
-
Unha hamburguesa feita en Bueu aspira a ser a mellor de España
Por Oskar Viéitez |
-
O Carabela 2.0 preséntase en sociedade: "Quixemos manter a súa esencia pero dotándoo de certa modernidade"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Así é por dentro o novo Carabela, que abre as súas portas este mércores 7
Por Redacción |