37 novas sociedades mercantís creáronse en Poio durante 2022
Por Redacción
Segundo os últimos datos publicados polo Boletín Oficial do Rexistro Mercantil (BORME), a cifra de entidades fundadas durante 2022 no municipio de Poio ascende a 37.
Gregorio Agís, concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo, destaca este resultado e sinala que é o número máis elevado no últimos dez anos en canto a creación de novas sociedades mercantís no concello, superando o máximo marcado nos anos 2014 e 2017 cando se constituíron 34.
"Se comparamos esta cifra coa de 2015, cando se crearon 15 sociedades, estamos a falar dun aumento de máis do 50%, algo que é destacable tendo en conta que vimos de dous anos moi condicionados pola pandemia da covid-19", apunta o concelleiro socialista.
Entende que os datos apoian a xestión que se está realizando neste departamento con iniciativas que fomentan o emprendemento e a formación facilitando que "máis persoas aposten por crear os seus propios negocios".
Poio convértese, despois de Pontevedra, no segundo municipio con maior crecemento neste apartado en toda a comarca. Agís afirma que o crecemento de Poio podería resultar moito maior "se a Xunta de Galicia, coa complicidade do Partido Popular de Poio, non provocase o bloqueo do desenvolvemento do parque industrial de Fragamoreira".
O concelleiro anunciou tamén as novas accións formativas que se acometerán entre febreiro e maio no municipio con sesións específicas para o sector marisqueiro. Tamén se porán en marcha cursos que, en 2022, lograron un 100% das inscricións como o de loxística e distribución, caixa e reposición, expendedor de combustible e recepcionista en aloxamentos de carácter turístico.