O pavimentado, última fase das obras da vía entre Carabelos e O Pazo
Por Redacción
As obras da vía que une os núcleos de O Pazo e Carabelos, en Mourente, entraron xa na súa recta final. Para o seu remate, só resta o pavimentado completo da estrada.
Así o comprobaron este venres o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro do Rural, Alberto Oubiña, que acudiron ao lugar no que están a facer as obras para comprobar o estado destes traballos.
"É unha pista de máis dun quilómetro que mellorará de xeito substancial", subliñou Fernández Lores, xa que a vía contará, entre outras cousas, con firme rehabilitado e unha axeitada canalización das augas pluviais.
Esta obra, que tivo un orzamento próximo aos 500.000 euros, forma parte do plan de mellora da accesibilidade e seguridade viaria nos núcleos rurais de Pontevedra, ao que se destinaron tres millóns de euros en diferentes actuacións en distintas parroquias.
Os representantes municipais indicaron que as intensas choivas non permitiron que se actuase con máis axilidade para completar estes traballos, que está a executar a empresa COVSA.
O alcalde recordoulle aos veciños que tamén serán asfaltadas todas as vías que parten desta estrada, co fin de rematar a obra de saneamento e abastecemento de auga, que unha vez estea completa e conectada coas casas "quedará por moito tempo".
De aí que Lores insistira en que os habitantes da zona soliciten esta conexión coa rede, que fará o propio Concello, "ou deberán logo gastar moitísimos cartos en abrir e reasfaltar despois".