Gonzalo Durán pide axuda para identificar a quen tentou incendiar a súa casa
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, difundiu este venres o vídeo das cámaras de seguridade coas imaxes de dúas persoas que tentaron incendiar a súa casa.
Nunha pantalla instalada no salón de plenos do Concello de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán mostrou o vídeo do atentado contra a súa vivenda e fixo un chamamento a quen poida axudarlle a identificar a estes individuos, habilitando unha dirección de correo electrónico (colaboracionciudadanavilanova@gmail.com) para que se acheguen pistas que poidan esclarecer o suceso.
Unha vez vistas as imaxes nas que lanzan "una maceta cargada de pastillas de encender barbacoas" á casa do alcalde, Durán preguntou aos presentes se "¿a alguien le parece una gamberrada?" respondendo el mesmo que "eso es quemar una casa".
Este atentado contra a vivenda do alcalde do PP tivo lugar na madrugada do 13 de setembro e só ocasionou danos materiais.
A denuncia interposta por Gonzalo Durán quedou arquivada xerando o descontento do alcalde que optou por contratar a un equipo de peritos criminalísticos para que investiguen á vez que recorre á colaboración cidadá.
Recentemente o vehículo particular do alcalde tamén foi atacado. Un individuo tentou prenderlle lume cando o coche atopábase aparcado á beira dun taller.