O CIF de Lourizán acolle un seminario sobre a rexeneración dos bosques fronte á seca e os incendios forestais
Por Redacción
O Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán acolleu este martes o seminario ForManRisk –Forest Management and Natural Risks-, organizado pola Asociación Forestal de Galicia, en colaboración coa Universidade de Trás-osMontes e Alto Douro.
Este encontro celébrase ao abeiro do proxecto europeo homónimo no que participan nove socios repartidos entre España, Portugal e Francia -un deles é o CIF de Lourizán- co fin de mellorar a rexeneración dos bosques fronte aos incendios forestais e os episodios de seca actuais.
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, interveu este martes e puxo en valor o labor que leva a cabo precisamente o CIF de Lourizán en prol da recuperación dos terreos afectados polos incendios.
A continuación, no seminario, no que participan tanto representantes das entidades organizadoras como da Sociedad Aragonesa de Gestión Agroambiental (SARGA), o Centre de Ciència i Tecnologia Forestal de Catalunya, a Office National des Forêts, a Deputación Provincial de Ávila e a empresa portuguesa Gistree, desenvolvéronse dúas charlas, unha sobre rexeneración natural do Pinus pinaster despois dos incendios e outra sobre o dilema entre conservación e aproveitamento de areeiros costeiros, en concreto, sobre o caso ibero-atlántico. Ambos coloquios foron impartidos polos investigadores Cristina Fernández e Francisco Javier Silva, pertencentes ao CIF de Lourizán.
Tras unha pequena pausa, a xornada rematou cunha visita guiada aos arboretos do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, en concreto ao seu arboreto tradicional e ao Reinfforce. Este último trátase dun proxecto promovido por un grupo de traballo composto por 11 centros e universidades de Gran Bretaña, Francia, España e Portugal que se uniron para estudar a evolución de diferentes especies arbóreas que proveñen tanto da zona atlántica e o mediterráneo como de Norteamérica nas que se ensaiaron técnicas silvícolas típicas de cada territorio.
O seminario continuará mañá e pasado en Portugal. Concretamente o mércores 18 a sesión de traballo celebrarase no Centro de Interpretación do Mundo Rural de Mogadouro, onde se abordarán diferentes aspectos do proxecto e se fará unha visita guiada á parcela piloto da sobreira da Associação de Produtores Agrícolas Tradicionais e Ambientais (APATA). Por último, o xoves 19, no campus da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD), desenvolveranse diferentes charlas técnico-científicas sobre diferentes propostas relacionadas co proxecto ForManRisk.
Relacionadas:
-
Os incendios de Caldas e Vilagarcía non provocaron "danos significativos" no chan e na vexetación
Por Redacción |
-
Lourizán entra no club de xardíns botánicos da Asociación Ibérico-Macaronésica
Por Redacción |
-
Investigadores de Lourizán avalían en Málaga o impacto do incendio de Sierra Bermeja
Por Redacción |
-
Persoal do CIF de Lourizán analiza o impacto do incendio rexistrado na localidade abulense de Navalacruz
Por Redacción |