Máis dun millón de euros para mellorar o firme da EP-8004 Caldas-Vilanoviña
Por Redacción
Aprobado por máis de un millón de euros (1.042.029,28) o proxecto de execución das obras de mellora da seguridade viaria na EP-8004 Caldas-Vilanoviña.
Segundo informou a Deputación de Pontevedra, os traballos afectarán a todo o trazado da vía, que conta con 8.213 metros de lonxitude e transcorre polos concellos de Caldas de Reis, Portas, Vilanova de Arousa e Meis. Estiman que, unha vez comecen os traballos, terán unha duración de seis meses.
As obras consistirán na reparación da situación actual desta infraestrutura viaria mediante a execución de saneamentos e o fresado da capa de rodadura, que se atopa en mal estado.
Tamén aplicarán un tratamento superficial ao recrecemento do firme mediante a extensión dunha capa de formigón bituminoso en quente, e tamén á reposición da sinalización horizontal e vertical coa finalidade de salvagardar a prestación do servizo viario e de mellorar as condicións de seguridade para a circulación dos vehículos e das persoas.
Ademáis, estarán incluídas a limpeza das marxes e as cunetas, a demolición do firme, a escavación en saneamento do firme, o fresado do firme, a subministración e execución da subbase de rachón e colocación da saburra artificial, o macádam e as emulsións asfálticas, a colocación do formigón bituminoso en quente para o novo firme, o recrecemento de pozos de rexistro e tapas de sumidoiro, o pintado das marcas viarias reflexivas ou a instalación de sinais, paneis direccionais e fitos quilométricos.