Cada ano detéctanse na provincia 2.000 novos casos de alzhéimer
Por Oskar Viéitez
Máis de tres mil persoas participaron ao longo deste ano nas charlas que organizaron con grande éxito a Deputación de Pontevedra e o Colexio Oficial de Médicos para dar a coñecer o alzhéimer, a terceira causa de morte entre as persoas da terceira idade, despois das enfermidades cardiovasculares e o cancro.
O obxectivo destas charlas foi ofrecer información á cidadanía sobre cuestións vinculadas coa doenza, xa que na provincia existen 15.000 casos e cada ano se detectan outros 2.000 novos no conxunto das tres áreas sanitarias de Pontevedra, unhas proporcións epidémicas.
As conferencias foron impartidas por neurólogos que traballan en distintos centros hospitalarios da provincia de Pontevedra e baixo a coordinación do xefe de Neuroloxía do CHOP, Manuel Seijo. En total, 42 concellos contaron con esta actividade.
As charlas abordaron aspectos como prevención, os primeiros síntomas da enfermidade, técnicas para atrasar o seu avance ou mesmo como tratar unha persoa que sofre esta enfermidade de carácter dexenerativo nos seus diferentes graos ou fases.
Hoxe en día non existe ningún tratamento capaz de curala ou a previr
Os neurólogos insistiron nas claves para detectar os primeiros síntomas da enfermidade ou cando é preciso realizar unha consulta médica, e en consecuencia, facilitar o diagnóstico temperán desta doenza, tarefa fundamental para paliar os seus efectos e gañar en calidade de vida, xa que hoxe en día non existe ningún tratamento capaz de curala ou a previr.
O xefe de Neuroloxía do CHOP explicou que as preguntas máis frecuentes se interesaban por saber se o alzheimer é hereditario e se ten cura. As respostas: Só o 1% das demencias tipo Alzheimer son hereditarias e non, actualmente non existe cura.
ESTIGMA
Os neurólogos insistiron en que a información é fundamental xa que unha boa parte das persoas con demencia, oculta ou disimula o seu diagnóstico por temor ao estigma do que son obxecto ao considerarse excluídos da sociedade.
Non obstante é fundamental non illar o enfermo, que se relacione o máximo posible, que se manteña activo, tanto mental coma fisicamente, a través de exercicios e actividades que permitan unha maior elasticidade do cerebro.
O presidente de AFAGA (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras Demencias de Galicia), Juan Carlos Rodríguez, destacou que esta enfermidade afecta a un 10% dos maiores de 65 anos no noso país. "Trátase dunha enfermidade que hai que saber afrontar e recoñecer canto antes, xa que moitos dos casos se agravan por un diagnóstico tardío".
Relacionadas:
-
Manuel Seijo, neurólogo: "Una de las falacias es que se achaca el Alzheimer al envejecimiento normal, eso es falso"
Por Redacción |
-
42 concellos de Pontevedra ofrecerán charlas sobre como afrontar a enfermidade do Alzheimer
Por Redacción |
-
Un de cada tres pontevedreses ten un familiar con demencia
Por Oskar Viéitez |