Estrea do documental 'Aquí está Carme' para recoñer o labor das mulleres do rural na loita pola igualdade
Por Redacción
'Aquí está Carme' preséntase como un documental en que as protagonistas son trinta mulleres do rural, veciñas de Moraña, Mondariz e Silleda. Elas participaron en talleres de creación escénica organizados a través da Deputación de Pontevedra dentro da campaña "Acciona o rural" e froito daquel traballo saíu esta traballo audiovisual.
A estrea realizábase no salón de plenos da Deputación de Pontevedra e neste traballo móstrase o papel que realizan as mulleres do rural na conservación do patrimonio cultural inmaterial, na loita pola igualdade e na construción da comunidade.
O grupo musical De Vacas tamén ofrecía unha actuación en vivo dentro da gala interpretando temas como 'Unha noite máis' e 'Noite e día'. Máis de duascentas persoas acudiron ao evento no que Carmela Silva, presidenta provincial, felicitaba ás promotoras do colectivo Fiore di Zucca por poñer en marcha esta iniciativa.
A presidenta destacou a importancia de facer visibles a todas as mulleres con independencia do seu lugar de residencia e tamén sinalou que desde a administración provincial búscase o acceso universal á cultura.
As veciñas que formaron parte deste proxecto recibiron unha planta de camelia da Estación Fitopatolóxica de Areeiro e un USB con imaxes das actividades culturais nas que participaron.
Esta estrea constitúe a fase final dun proxecto que se iniciaba con tres talleres de creación escénica, que tivo continuidade cunha mostra e que agora conclúe coa estrea deste documental, dirixido por Anxos Fazáns, no que se recollen as experiencias das mulleres participantes.