Vaipolorío augura máis contaminación no Gafos coa última proposta da Xunta para sanealo
Por Redacción
Vaipolorío amósase moi crítico co proxecto que nos últimos días anunciou a Xunta de Galicia para o saneamento do río dos Gafos, consistente en habilitar un sistema de depuración con xunqueiras. Dende o colectivo ecoloxista tildan de "experimento" esta solución buscada pola Administración autonómica e vaticinan que "vai provocar contaminación sobre o Gafos e as fincas dos veciños nos desbordamentos por choivas intensas".
Á vista desta solución proposta, o presidente do colectivo, Gonzalo Sancho, sinala que "resulta frustrante o labor desinteresado e continuo dos voluntarios na limpeza do río" e este luns presentarán por rexistro unha solicitude formal de reunión urxente cos concellos de Pontevedra e Vilaboa e Augas de Galicia "para resolver este tema, porque dende logo Vaipolorío non ten culpa da incompetencia ou deixadez de outros".
Vaipolorío recorda que na reunión que mantiveron en xullo deste ano 2013 co xefe territorial de Medio Ambiente en Pontevedra e o presidente de Augas de Galicia, Francisco Menéndez, foron informados de que o convenio de saneamento do rural co Concello de Pontevedra non se levaría a cabo tal como estaba previsto, senon que se aprazaba a curto prazo porque o feito de ampliar o diámetro do sumidoiro actual, non resolvería os problemas de desbordamento e contaminación das augas do río Gafos.
Segundo Augas de Galicia, sería preciso non permitir que as augas pluviais sigan conectadas á rede de fecais e este organismo comprometeuse a selar os pozos de rexistro porque a través deles fíltranse augas das capas freáticas e o propio caudal do río que se incorporan indebidamente á rede de fecais. O compromiso foi reservar para esta actuación unha dotación de 500.000 euros.
Na mesma reunión, segundo Vaipolorío, Augas de Galicia insistiu en que aumentar o diámetro dos tubos do sumidoiro sen resolver os problemas das augas pluviais sería trasladar o problema á desembocadura na ría de Pontevedra, ao chegar unha sobrecarga por exceso de augas pluviais, facendo saltar así as tapas dos sumidoiros, espallándose a contaminación directamente sobre os bancos marisqueiros da Ría de Pontevedra.
Logo desta reunión, cren que o anuncio da Xunta de Galicia, que realizou na última reunión de seguemento do convenio de saneamento, é un "cabalo de Troya" . Trátase de construir sete depuradoras que califican de ecolóxicas, pero a proposta non convence ao colectivo ecoloxista. "ÿ unha mágoa que non saquen do paro a todos os veciños lindantes, estas futuribles instalacións. Porque de ser así, importaríanlle menos os cheiros nos desbordamentos destas cloacas a ceo aberto", advirten.
Ademais, engaden que "se non foi serio que a Xunta de Galicia, de xeito unilateral, rompera o convenio de saneamento do Gafos co Concello de Pontevedra, tampouco é serio que non se acometa a separación de augas pluviais das fecais, porque este é o verdadeiro problema desta rede de sumidoiros".
Relacionadas:
-
Vaipolorío e Concello instan a Augas de Galicia a deixarse de "inventos" e construír o colector do Gafos
Por Alejandro Espiño |
-
Vaipolorío confía en que a Xunta e o Concello cheguen a acordo para depurar o Gafos
Por Redacción |
-
O Concello di que a Xunta "quere verter merda a cano libre ao río dos Gafos"
Por Oskar Viéitez |