Vaipolorío confía en que a Xunta e o Concello cheguen a acordo para depurar o Gafos
Por Redacción
As discrepancias xurdidas entre a Xunta de Galicia e o Concello de Pontevedra en torno á última proposta de Augas de Galicia para o saneamento do río dos Gafos non deberían dificultar o entendemento entre ambas as dúas institucións para executar o convenio que teñen pendente. O presidente de Vaipolorío, Gonzalo Sancho, confía en que ambas as dúas institucións cheguen a un acordo "polo ben do río e do entorno natural".
A valoración realizouna este venres tras manter unha reunión "positiva" co director de Augas de Galicia, Francisco Menéndez. Segundo valorou, o encontro resultou satisfactorio porque o directivo autonómico lle trasmitiu que "non é definitiva" a proposta de instalar sete minidepuradoras ao longo da canle fluvial, en zonas que Vaipolorío asegura que "son inundables".
Esta proposta de minidepuradoras realizouna Augas de Galicia ao Concello na última reunión da comisión de seguimento do convenio do río dos Gafos, que data do ano 2010. O encontro foi en decembro, Pontevedra rexeitou de callo a proposta e Vaipolorío valorou que non lle parecía a máis axeitada para solucionar os problemas de saneamieno do río, de aí que solicitase a reunión celebrada este venres.
A Xunta comprométese a non construir minidepuradoras en terreos con risco de asolagamento pegados ao río
Unha das preocupacións de Vaipolorío é que a proposta de Augas de Galicia falaba de minidepuradoras que se instalarían en terreos con risco de asolagamento pegados ao río e que, de feito, quedaron inundados tras o último temporal do Día de Reis. Este venres Gonzalo Sancho saíu satisfeito da reunión porque Menéndez lle dixo que os técnicos aínda teñen que estudar a situación concreta das novas instalacións, de modo que non é seguro que vaian ocupar 20.000 metros cadrados de terreos "de gran valor ambiental".
Gonzalo Sancho rexeita valorar cal é a mellor solución para os problemas de saneamento do Gafos porque é algo que corresponde aos especialistas. Si pediu á Xunta de Galicia que non tivese impacto ecolóxico, pero agora confía en que sexan os técnicos municipais e autonómicos os que definan como se executará o convenio.
"Tanto a Xunta como o Concello teñen técnicos e nós non somos máis que meros voluntarios que limpiamos un río, as cuestións tecnicas é algo moi complexo, necesita dunha rectitude profesional, non é para facer valoracións tabernarias", sinalou, ao tempo que confía en que ese acordo entre Xunta e Concello chegue en prazo para non perder a subvención que a Unión Europea concedeu para sanear o Gafos. A obra ten que executarse antes de 2015 para que se conceda a axuda europea e "nos gustaría que se puxeran dacordo para non perdela".
Ao termo da reunión, a Consellería de Medio Ambiente emitiu un comunicado no que sinala que a proposta da Xunta consiste en anular o colector do Gafos substituíndoo augas arriba deste por varias pequenas depuradoras de macrofitas ou filtros verdes, xa que se trata de cuncas rurais, moi pequenas en poboación pero enormes en extensión e con augas moi pouco cargadas. Estes filtros configuraríanse de modo que se evitasen as inundacións.
Augas de Galicia reprocha a "actitude de rexeitamento sen más razóns" do Concello á súa última proposta
O director de Augas de Galicia reiterou que este organismo da Xunta leva avaliando un tempo alternativas para actuar no Gafos, dado que está confirmado que o colector está en carga permanentemente, recibindo desproporcionadas cantidades de pluviais e filtracións na extensa rede de saneamento que conflúe ao colector do río.
Ademais, recordou que a competencia para dotar de saneamento é estritamente municipal. Non obstante, Augas de Galicia intenta asesorar e axudar ao Concello e queixouse de que recibe como única resposta falta de colaboración.
Nese sentido, recordou que na última reunión da comisión de seguimento se visualizou a actitude dos responsables do Concello de Pontevedra, que non permiten mellorar a situación do saneamento na parroquia de Tomeza e do río Gafos" e "tiveron unha actitude de rexeitamento sen máis razóns que considerar que a literalidade do convenio fala de saneamento, non de depuración," descualificando "dun modo desleal" a proposta da Xunta.
Relacionadas:
-
Vaipolorío e Concello instan a Augas de Galicia a deixarse de "inventos" e construír o colector do Gafos
Por Alejandro Espiño |
-
Vaipolorío augura máis contaminación no Gafos coa última proposta da Xunta para sanealo
Por Redacción |
-
O Concello di que a Xunta "quere verter merda a cano libre ao río dos Gafos"
Por Oskar Viéitez |