Unha nova senda peonil conectará as dúas marxes da Autovía do Salnés en Sanxenxo
Por Redacción
Ata 382 metros terá a senda peonil que a Xunta de Galicia vai a habilitar en Sanxenxo, na contorna do enlace da Autovía do Salnés coa PO-504, para permitir que os peóns poidan superar esta barreira e se reforce a seguridade viaria.
A previsión é licitar as obras e convocar as expropiacións no segundo trimestre do ano, co obxectivo de iniciar os traballos no verán. Terán un prazo de execución de dous meses.
O investimento que o goberno galego destinará a este novo itinerario de uso peonil roldará os 180.000 euros, incluíndo o pagamento dos cinco predios necesarios para impulsar estas obras. A superficie de expropiación definitiva será de 85,16 metros e ocuparase temporalmente unha superficie de 35,71 metros.
A nova senda partirá das beirarrúas existentes na marxe dereita do punto quilométrico 0+690 da estrada PO-504 e estenderase ata o 0+870.
Nese punto, deixado atrás o paso inferior sobre a autovía, o trazado da senda discorrerá paralelo ao pé do noiro da continuación desta vía, para rematar na glorieta inferior do enlace.
A sección mínima da senda terá un ancho medio de 2,5 metros e contará con pavimento de formigón e bordo de separación coa calzada.
A actuación complementarase coa dotación de iluminación pública, canalizacións para as redes de telecomunicacións e distribución de enerxía eléctrica, a reposición de servizos afectados e a dotación de diferentes xardineiras dispostas no treito que discorre paralelo á PO-504.