Xornadas informativas da Deputación para promover adhesións ao plan de calidade do SICTED
Por Redacción
A Deputación organiza dúas xornadas informativas en Poio e Pontevedra para promover adhesións ao Plan de Calidade do SICTED e contribuír, así, á mellora da competitividade das pemes e á posición estratéxica da provincia como destino líder a nivel estatal en canto a calidade turística.
As actividades informativas terán lugar este mércores, 15 de febreiro, ás 16.30 horas, no Palacete das Mendoza de Pontevedra, e o mércores 1 de marzo, ás 11.00 horas, no Casal de Ferreirós de Poio.
As adhesións ao proxecto "Sistema Integral de Calidade Turística en Destinos (SICTED) da provincia" non supoñen coste algún para os negocios turísticos ao tratarse dunha iniciativa financiada pola Deputación.
A xornada informativa sobre o SICTED en Poio será presencial mentres que a de Pontevedra poderá seguirse de xeito presencial e tamén online (neste caso é preciso cubrir o formulario).
A través destas actividades a Deputación trasladará ás empresas as vantaxes da obtención do certificado SICTED, que recoñece o esforzo e o compromiso coa calidade e a mellora continua e mellora a experiencia dos turistas no destino.
Para a institución provincial é fundamental espallar sistemas de calidade nas empresas e entidades turísticas da provincia para garantir sistemas estandarizados e satisfacer ás persoas que consumen produtos e servizos turísticos do e no territorio.
A Deputación é líder no Estado en entidades distinguidas, con 322 empresas. De feito,o 70% das empresas turísticas do SICTED en Galicia están na provincia.