Realidade virtual e inmersión audiovisual entran polos ollos nas xornadas de portas abertas do Palacete das Mendoza
Por Redacción
Carmela Silva presidía este luns o inicio da semana de portas abertas no Palacete das Mendoza, que acolle a sede de Turismo Rías Baixas. Alí, as asociacións e colectivos de Pontevedra poderán achegarse para descubrir durante este mes o proxecto de transformación deste espazo, a través de ferramentas de realidade virtual, dispositivos interactivos e sistemas audiovisuais.
A intención desde a Deputación de Pontevedra é mostrar a remodelación realizada no Palacete das Mendoza, considerado un dos edificios "máis bonitos de Pontevedra", segundo explicou a presidenta provincial durante o acto.
Representantes de empresas e asociacións turísticas como Cesáreo Pardal, presidente da Agrupación industrial de Turismo de Galicia; Lorena Varela, xerente do Roteiro do Viño Rías Baixas; Daniel Lorenzo, presidente de Hoempo ou Meritxell Marcos, directora do Parador de Pontevedra, coincidían este luns con integrantes de medios de comunicación da cidade como Ramiro Espiño, de PontevedraViva.
Alí, as persoas convidadas puideron comprobar o funcionamento dos distintos elementos interactivos como lentes de realidade virtual, que forman parte do proxecto europeo 'Tourist Inside'.
Durante este mes, outros colectivos e asociacións interesadas en descubrir a reforma do Palacete das Mendoza terán a oportunidade de solicitar unha visita a través do correo turismoriasbaixas@depo.es
O programa 'Tourist Inside', con 1,9 millóns de euros, permitiu remodelar este edificio e outras once oficinas do proxecto da Rede Info Rías Baixas. Carmela Silva avanzou que se traballa en dar continuidade a esa primeira convocatoria para traballar nas oficinas que se quedaron fóra desa remodelación.
A sede de Turismo Rías Baixas ofrece no seu interior a recreación do xardín en época das irmás Mendoza, coa utilización de mobiliario, elementos de información e aromaterapia. Instalouse un videowall como escaparate virtual da provincia e ademais acóllese unha sala inmersiva 270º, unha zona de proxeccións na que se mostra a historia do Palacete e a vida da Pontevedra en época das irmás Mendoza.
Tamén se ofrece un espazo de realidade virtual 360º que, con lentes de realidade aumentada, permitirán introducirse en sete salóns de finais do século XIX. A reforma do edificio tamén inclúe un elevador para as persoas con mobilidade reducida e tamén se instalou unha mesa interactiva con pantalla multitáctil e transformouse o mostrador de atención ao público para unha mellor distribución, entre outras melloras.
Relacionadas:
-
14 tótems na provincia xa proporcionan información turística en tempo real
Por Redacción |
-
A corresponsabilidade, un reto pendente na industria audiovisual
Por Redacción |
-
As irmáns Mendoza 'reviven' como anfitrioas da oficina "máis sorprendente, dixital e inclusiva" de Rías Baixas
Por Alejandro Espiño |
-
O Palacete das Mendoza recibe un investimento de 350.000 euros do proxecto europeo Tourist Inside
Por Oskar Viéitez |
-
RADIO.- Así se cociñaba con "as mulleres máis modernas do século pasado en Pontevedra"
Por Marisa Ciordia |