Vilagarcía completa o plantel da Policía Local coa incorporación de catro novos axentes
Por Redacción
O alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, o concelleiro de Seguridade Cidadá, José María González, e o Xefe da Policía Local recibiron este xoves aos catro novos axentes incorporados esta semana ao plantel da Policía Local tras ter aprobado as oposicións e rematado a formación na Academia Galega de Seguridade.
Coa entrada en servizo deste catro axentes, a Policía Local cobre a totalidade das prazas do seu plantel, acadando os 46 efectivos.
Dende o Goberno local afirman que "para chegar a este equilibrio o Concello tivo que facer un importante esforzo en dotación de persoal nos últimos dous mandatos" para contrarrestar os postos que non se repuxeron na etapa anterior e facer fronte ás novas xubilacións producidas nos últimos anos.
Só nos tres últimos anos pasouse dos 39 axentes que había en 2021 aos 46 do ano en curso.
No breve acto celebrado este xoves no salón nobre do Concello, o rexedor dou a benvida aos axentes, desexándolles unha carreira exitosa e dedicada a servir e protexer á cidadanía de Vilagarcía e ao interese común, "porque vós, igual que nós, somos servidores públicos e debémonos aos veciños e veciñas de Vilagarcía".