Ambiente veneciano para recibir o Entroido en Caldas
Por Redacción
Caldas de Reis xa está preparado para recibir o Entroido tras a instalación dunha góndola veneciana na rúa da Ferrería cos seus personaxes caracterizados de gondolero, unha parella de namorados e grandes máscaras.
Esta iniciativa foi levada a cabo pola veciñanza desta rúa, que serve de entrada á vila no seu acceso desde Pontevedra, dándolle unha imaxe adecuada e "sorprendente" para este tempo de festa.
Desde o Concello valoran moi positivamente estas iniciativas voluntarias que, por segundo ano consecutivo e grazas a "a imaxinación e o esforzo dunha agrupación de veciños lograron ambientar a rúa con estes motivos e personaxes venecianos, que chaman a atención a todos os cidadáns e visitantes".
Destacan especialmente ao veciño Ramón e encargado de construír a góndola, bautizada 'Os da Ferrería', e os personaxes que navegan nela.
Pola súa banda, Anabel, unha da veciñas que propiciou esta iniciativa, lembra que "tamén realizamos decoracións en Nadal e confeccionamos o gran 'Maio' o primeiro de maio. Este ano programamos por primeira vez unha laconada veciñal para o domingo de piñata, accións que serven para unir e estreitar relacións entre os veciños da nosa histórica rúa, para poñela máis en valor".