Queres ensinar a Siri e a Alexa a falar en galego?
Por Oskar Viéitez
Cada vez é máis frecuente a interacción co mundo dixital a través da voz. Esta tecnoloxía mellorará a experiencia de comunicación das persoas co mundo dixital, especialmente para as de maior idade ou con algunha discapacidade.
Servirá, por exemplo, para facilitar o coidado de persoas que viven soas coa creación de asistentes por voz pedir axuda por voz en situacións de emerxencia, facer trámites administrativos a través da fala, atender consultas no ámbito da saúde ou executar accións da vida cotiá.
Pero para que un galegofalante poida interactuar co mundo dixital na súa lingua precisa do desenvolvemento da tecnoloxía que o faga posible e para iso son necesarias gravacións de voces, chamadas datasets, que permiten adestrar os algoritmos de intelixencia artificial que usan os axentes conversacionais por voz.
FalAI é un proxecto desenvolvido por Universidade de Vigo e a empresa Balidea, que ten o obxectivo de recoller voces en galego que permitan xerar ferramentas de interacción co mundo dixital en galego.
Co cancelo #A30frases, o centro de investigación e a empresa procuran a participación do maior número de persoas posible, que de xeito anónimo, graven a súa voz lendo 30 frases, indicadas a través da plataforma falai.balidea.com, coas que se compoñerá un corpus lingüístico que permita adestrar un asistente conversacional por voz.
A investigadora principal do proxecto, Laura Docío explicou que teñen o obxectivo de acadar 6.000 participantes, "cumprindo ademais os criterios de que 30 horas de gravación correspondan a persoas de máis de 50 anos; 10 horas correspondan a cada provincia e cun equilibrio de xénero de 40-60%".
O director xeral de Balidea, Lorenzo Rodríguez, referiuse a falAI como un "fito importante tecnoloxicamente e por ser en galego, porque non hai ningunha tecnoloxía en galego", razón pola que "sumará moito á tecnoloxía a fala".
"O único requisito que deben cumprir as persoas que queiran participar no proxecto é que sexan maiores de idade. Canta maior diversidade de voces teñamos mellor", apunta Docio, que sinala que as voces se recollerán de forma anónima.
As persoas que cheguen ao final do proceso terán a opción de participar nun concurso.
Laura Docío Fernández, do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, xunto á catedrática do mesmo departamento, Carmen García Mateo, e ao tamén investigador e persoal do departamento de I+D+i de Balidea, Andrés Piñeiro Martín, conforman o equipo que está a desenvolver falAI.