Investigados dous mozos por furtar máis de 15.000 euros en gasoil en Meaño
Por Oskar Viéitez
Axentes do Posto da Garda Civil de Sanxenxo identificaron aos presuntos autores de varios delitos de furtos de gasoil en máquinas retroexcavadoras que suceden de maneira continuada desde o pasado mes de setembro e que causarían unhas perdas económicas ao seu propietario superiores aos 15.000 euros.
Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, as pescudas iniciáronse por mor da denuncia interposta por un veciño de Meaño na que facía constar que era obxecto de tales subtraccións durante as madrugadas, chegando a contabilizar un total de 11 episodios.
Grazas á colaboración cidadá así como aos dispositivos de vixilancia establecidos pola Garda Civil os autores fosen pillados “in fraganti” na noite do pasado día 11, cando se dispoñían de novo a extraer o carburante das máquinas, apoiándose nun motor de extracción que alimentaban coa propia batería do seu vehículo, o que lles permitía desenvolver a acción con celeridade e evitar ser descubertos.
No momento de ser sorprendidos, intervéñenselles os útiles para a extracción do gasoil, xunto con varios efectos que portaban no interior do vehículo da súa propiedade, tales como coitelos, tesoiras, ferramentas e outros aveños.
Os presuntos autores do feito, de 28 e 19 anos contan con varios antecedentes por feitos similares.
As dilixencias foron postas ao dispor do Xulgado de Garda de Cambados ante os que deberán responder os investigados cando sexan citados para iso.
Relacionadas:
-
Meaño inicia a cuarta fase de renovación do alumeado público
Por Redacción |
-
Persegue o home que rompeu o escaparate do seu salón de peiteado ata que a policía o detivo
Por Oskar Viéitez |
-
Procesan o antigo sancristán de Vilanova por levar obxectos de valor da igrexa aproveitando a enfermidade do cura
Por Natalia Puga |