Vilagarcía celebra o martes de Entroido cun desfile que deixou diversión e moitas risas
Por Redacción
Como é tradición, Vilagarcía de Arousa reservou o martes de Entroido para o seu desfile, unha das súas principais citas festivas para estes días de troula.
Centos de persoas encheron as rúas da cidade para amosar os disfraces creados para a ocasión e dar renda solta á súa creatividade e bo humor, protagonizando un desfile cheo de diversión e que xerou moitas risas entre o público que vía pasar a comitiva.
As obras de peonalización da rúa Arcebispo Lago obrigou este ano a variar o percorrido do desfile, que partiu sobre as cinco da tarde da rúa Alexandre Bóveda, no ámbito da praza de abastos e rematou diante do Concello, na Praza de Ravella.
Houbo 6.800 euros en premios para os participantes no desfile. A novidade foi un galardón á mellor carroza, que foi a da asociación Volandeira de Cambados con Mestres do Zodíaco; e outro á mellor animación, que foi para Hola Raffaella, un grupo de rapazas de Vilagarcía.
Os principais premios foron para a ANPA do colexio de A Escardia, entre os grupos de máis de vinte persoas, por parodiar as obras das ciclovías en Vilagarcía; mentres que entre os grupos máis pequenos venceu Festa con Glamour, que creou disfraces con materiais de reciclaxe.
Entre as parellas a elixida polo xurado foi Reflexos das máscaras do Entroido, unha proposta chegada desde O Grove, mentres que na categoría de disfrace individual o primeiro premio quedou en Vilagarcía, para o General Grievous.