Equipo Ja, Val do Lérez, A Tropa de Moncha A Caralla, Leña Verde e Eléctricas PTV, á final do concurso de murgas
Por Alejandro Espiño
Unha murga de Pontevedra e catro do Grove participaron este mércores na segunda eliminatoria do XXXI concurso de murgas de Pontevedra, que se celebrou nun Pazo da Cultura no que, do mesmo xeito que o pasado luns, non quedou nin unha butaca libre.
Arrancou a noite con Eléctricas PTV, que simulando un concurso ao máis puro estilo Drag Race, puxeron na diana á compañías enerxéticas. "Es Iberdrola la que controla, por mucho que lo quieres evitar, tienes que pagar", cantaron ao son do A quien le importa de Alaska.
Os eólicos -"puedes quejarte y protestar pero mis molinos os los vais a tragar", Vladimir Putin ou ENCE -"no queremos ser desconfiados pero algunos (os xuíces) irán al consejo de administración"", foron outros dos asuntos que abordaron.
Ao alcalde suxeríronlle que colla máis o coche "que ya salvaste el planeta con lo que ahorraste en luces de navidad"; e houbo coplas para Rafa Domínguez, "que como no cambies muchas cosas una hostia te llevarás", ou para Iván Puentes, ao que piden piden saber "cuál es tu plan, que el PSOE no levanta cabeza desde Tere Casal".
Desde O Grove chegaron Os Barallocas, uns coloridos reloxeiros que debutaron pedindo ao seu alcalde, con ironía, "saca aparcamentos e pon máis macetas que hai que decorar" ou defendendo a sanidade porque "os médicos están que ferven sen persoal para atender a xente".
Cantaron á pandemia e a que "despois de dous anos sen entroidos agora ven o mellor", á raíña Isabel II e o seu periplo "dun lado a outro con ese cadáver que debía cheirar a pés", ou a Núñez Feijóo e ao "guapo" de Pedro Sánchez "que sempre berrando non se van entender".
Incluíron críticas ao auditorio do Grove "que está feito e sen telón", aos badéns na vila que a xente pasa "facendo alpinismo" ou a certas obras "que están todas a medio facer".
Tras eles foi a quenda de A Tropa de Moncha A Caralla, a única murga integramente feminina deste concurso, tamén procedentes do municipio meco, que converteron o escenario nunha aula de primaria e defenderon unhas letras cargadas de reivindicacións feministas.
Entre os asuntos locais do seu municipio coouse tamén o peche de Raíña Vitoria, pechada en pandemia "para que non houbera accidentes e agora co skate-park todos os meniños andan sen dentes" ou o aviso de que acabarían vomitando "de tanto mareo por subir e baixar os badéns".
Houbo un popurrí co rei emérito ou Froilán "que vair a subir a nota", o mundial de fútbol nun país "no que as liberdades morren alí", un Núñez Feijóo "con menos luces que as lanchas de contrabando" ou coas leas no PSOE "que din que son de esquerdas non vos vaian a enganar".
E, como colofón, ao ritmo das Tanxugueiras cantaron "aínda que Rueda diga que a sanidade vai ben, vaille ben aos seus amigos e ás privadas tamén (...) témola que defender que coa saúde non se xoga nin coa vida de ninguén", que arrancou grandes aplausos entre o público.
A terceira agrupación do Grove que actuou nesta segunda eliminatoria das murgas foi Leña Verde, uns viaxeiros no tempo que dirixiron parte das súas cancións ao seu novo auditorio ou ao seu alcalde "que anda moi sobrado e non vai a parar ata deixarnos empeñados".
Tamén centraron os seus dardos na sanidade -"aquí non hai quen me atenda isto está feito unha merda"-, na despedida á raíña Isabel II -"tiveron á pobriña dando voltas un mes"-, ou na marcha de Núñez Feijóo a Madrid -"que vai a repetir a foto con Marcial Dorado pero non Retiro"-.
"Que noxo de Congreso. Na Toxa hai uns burros que se os pos alí fano mellor que eses", cantaron os do Grove antes de repasar a actualidade de Pontevedra, con temas como as luces de nadal "que para o ano só poñen velasr", o corte de Raíña Vitoria ou Ence -"houbo resposta dun puto tribunal para que unha empresa siga a contaminar"-.
E para o final quedaron Os da Prensa, ataviados como trolls con luces fluorescentes, a cuarta murga do Grove que participou este mércores no certame. Superando certos problemas técnicos co son, reivindicaron que "non hai doutores pero temos auditorio".
No medio dun amplo repertorio sobre asuntos cotiáns do seu municipio, a charanga incluíu referencias ao alcalde da Boa Vila -"Miguel Anxo da miña vida, tes todo patas para arriba"- ou Rafa Domínguez, líder dun PP "que querían un guaperas e chegoulles de Aliexpress".
"Só si é si, sempre foi así, non o investaste ti", cantáronlle á ministra de Igualdade, que protagonizou as coplas xunto ao rei emérito, sobre o que ironizando que estivo "roubando toda a vida e cando veu a Sanxenxo a xente ata lle aplaudía".
Ao remate das cinco actuacións desta segunda eliminatoria, o xurado anunciou o nome das charangas que repetirán sobre o escenario do Pazo da Cultura na final deste xoves. Serán Equipo Ja e Val do Lérez, que recibiron 63 puntos cada un; A Tropa de Moncha A Caralla, que alcanzou os 57; e Leña Verde e Eléctricas PTV, que lograron 55.
Segunda eliminatoria do XXI concurso de murgas de Pontevedra
Relacionadas:
-
A Mostra da Parodia recolle con retranca a compra de Santa Clara, as galas no rural ou as partidas de petanca
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Os do Val do Lérez gañan o concurso de murgas
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
Tarde de festa infantil en Monte Porreiro para celebrar o Entroido
Por Redacción |
-
As murgas tiran de arte e enxeño para animar o Entroido pontevedrés coa súa retranca
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Dez murgas, a polo cetro de 'retranqueiros' do Entroido pontevedrés
Por Redacción |
-
Xa está aquí o Entroido, "unha semana a todo meter onde a carallada é a protagonista"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |