Meaño destina máis de 42.000 euros á mellora de tres parques infantís
Durante os últimos días comezaron as obras de mellora en tres parques infantís ubicados en Dena por un importe de 42.882 euros que se financiará con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra do ano 2022.
Esta actuación permitirá a posta a punto das áreas recreativas infantís situadas na Praza do Concello e nos Pasales.
Consistirá na substitución das lousas de caucho, na restauración dos elementos de xogo e na reparación das varandas.
Segundo o Concello de Meaño, a céntrica localización de ambos parques facilita un uso continuado destas instalacións por parte da poboación máis nova. Este desgaste provoca que sexa necesaria una actuación de mantemento con celeridade.
Carlos Viéitez, alcalde de Meaño, considera prioritario que os parques infantís presenten unhas condicións óptimas de seguridade. Por iso, un dos elementos que se van renovar é o chan, retirando as lousas de caucho existentes e danadas e substituíndoas por outras de máis grosor que acouguen as posibles caídas da poboación infantil.
A actuación inclúe tamén a dotación de céspede artificial nalgunhas áreas dos parques infantís e, sobre todo, o desmonte, restauración e colocación dos xogos existentes.
O alcalde asegurou que o uso continuado das randeeiras e as intensas chuvias de inverno contribuíron a que accesorios de ferro se oxidaran polo que indicou que se vai retirar todo, limpar a fondo e substituír o que sexa necesario.