Marzo, mes previsto para a celebración do pleno sobre o estado do municipio
Por Redacción
A xunta de portavoces dos grupos municipais do Concello establecían este xoves os tempos de intervención para a convocatoria extraordinaria do pleno do estado do municipio, segundo informaba o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
O rexedor contará con 15 minutos para ofrecer unha exposición xeral sobre o estado do municipio ao comezo da sesión. A continuación, cada un dos portavoces dos distintos grupos dispoñerá de 10 minutos para expoñer as súas posturas. Terán a oportunidade de delegar en calquera outro membro do grupo se así o desexan.
Tras estas intervencións, o alcalde volverá dispoñer de cinco minutos de réplica e os portavoces, á súa vez, tamén terán limitado o seu tempo a cinco minutos para a contrarréplica. Por último, o alcalde pechará con outros cinco minutos a quenda final.
Esta proposta foi aprobada por unanimidade na xunta de portavoces coa intención de que este pleno, demandado polo grupo do Partido Popular, desenvólvase ao longo do mes de marzo, antes do inicio da actividade da campaña para as eleccións municipais prevista para o 3 de abril.
Noutra xunta de portavoces, durante as próximas semanas, acordarase o día e hora previsto para a recuperación deste debate.