Menos do 1% dos test de alcohol realizados pola Policía Local deron positivo
Por Redacción
A memoria de tráfico que realiza anualmente a Policía Local de Pontevedra volve ofrecer o dato de que non se rexistraron falecementos motivados por accidentes de tráfico en Pontevedra. Eva Vilaverde, concelleira de Seguridade e Protección Cidadá, comparecía este xoves para sinalar que o municipio mostra uns "moi bos resultados" en canto a sinistralidade.
Desde 2011, o concello pontevedrés non rexistra persoas falecidas con motivo de accidentes de tráfico. A concelleira entende que estes datos mostran que o "modelo urbano funciona e que hai que seguir incidindo e intensificando neste modelo no que ten que ver coa redución de tráficos". A concelleira destacou o traballo fundamental dos axentes da Policía Local para o bo funcionamento da cidade.
En 2022 producíronse 16 feridos graves. O obxectivo que se marca o Concello é reducir a un só díxito esa cifra. No caso de accidentes con feridos leves, a cifra sitúase en 126, cando o obxectivo é baixar dos 100.
Durante ese ano, a Policía Local realizou 17 campañas específicas, once delas en colaboración coa DXT e seis propias, deseñadas para a propia cidade relacionadas coa velocidade, zonas peonís, zona servizos, controis estáticos de alcol, bicicletas e vehículos de mobilidade persoal (VMP).
Vilaverde tamén destacou que, por oitavo ano consecutivo, Pontevedra logra baixar do 1% dos positivos nas probas de alcoholemia. Realizáronse 220 controis, o máximo nos últimos 17 anos, e 21.380 probas, tamén a cifra máis elevada durante este período.
Aumentaron os accidentes con alcoholemia positiva durante 2022, ao pasar de 13 a 20. O 90% dos condutores detectados dando positivo foron homes, mentres que o 10% correspóndese con mulleres, un dato bastante coincidente co de 2021. Con todo, Eva Vilaverde entende que "existe un transfondo patriarcal neste asunto, sendo as mulleres as que deixan de beber cando van en parella ou en grupo, sendo elas as que se encargan desta misión", apuntou durante a rolda de prensa.
Tamén aumentou o número de vehículos retirados por infracción, aumentando nun 13% en relación aos datos de 2021.
En canto a accidentes con VMP o número elevouse a 13, con 9 feridos leves. En seis casos o motivo foi caída da persoa que manexaba o vehículo. Neste sentido, a concelleira advertiu que o exceso de confianza no uso dos patinetes eléctricos xeran este tipo de situacións.
Relacionadas:
-
VÍDEO.- Dá positivo en alcohol tras impactar con tres vehículos aparcados en Eduardo Pondal
Por Anxo Lourido |
-
Detido un condutor kamikaze e bébedo que provocou múltiples accidentes na AP-9
Por Oskar Viéitez & Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Un cento de condutores acabaron no xulgado en 2022 por alcoholemia positiva
Por Natalia Puga |
-
Medran as persoas que conducen sen carné, a maioría porque perderon todos os puntos
Por Natalia Puga |