Na procura de Rosalía de Castro no ceo pontevedrés
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez
A área de Normalización lingüística do Concello de Pontevedra, dirixida polo edil Alberto Oubiña, promoveu este xoves dúas actividades diferentes para conmemorar o Día de Rosalía.
Dunha banda, pola tarde o Parque de Amalia Álvarez foi o escenario para o obradoiro musicado ‘Figueiriñas que prantei’, realizado por Antón Ke e Polo Correo do Vento, e destinado a un público de crianzas de máis de tres anos.
E doutra banda, a noitiña, na explanada do Pazo da Cultura, tivo lugar un recital poético da man de Estíbaliz Espinosa, que se mesturou coa busca da estrela Rosalía no ceo coa asociación astronómica Sirio de Pontevedra e os seus telescopios.
Desde o ano 2019, Rosalía de Castro ten unha estrela co seu nome. A Agrupación Astronómica Coruñesa Ío propuxo este nome e foi o máis votado, así que se cambiou o nome dunha estrela chamada HD149143 polo da poeta.
A estrela Rosalía de Castro atópase na constelación de Ofiuco (tamén chamada Serpentario), unha das 88 constelacións modernas, que tamén está na lista de 48 constelacións de Ptolomeo. Ofiuco está no ecuador celeste, así que se pode ver desde os dous hemisferios durante moitos meses, de abril a outubro. O resto do ano é visible desde un ou desde o outro hemisferio.
A estrela Rosalía de Castro está moi lonxe de nós, a 240 anos luz, así que a súa magnitude relativa é baixa, preto de 8, polo que non se ve a primeira ollada, aínda que si con prismáticos. É unha anana amarela, como o noso Sol, un pouco máis grande que este.
En 2005, descubriuse un exoplaneta, ao que se puxo máis tarde o nome de Río Sar. É un planeta xigante gaseoso, parecido a Xúpiter. Se se descobren máis exoplanetas, poñeránselles nomes relacionados coa vida e a obra da escritora.