Ampliado o camiño municipal no lugar de Outeiro en Ribadumia
Por Redacción
Cun orzamento de 61.598 euros está a executarse o Plan Marco de Mellora de Camiños Municipais de acceso a parcelas agrícolas 2022/23 en Ribadumia.
Durante estas xornadas finalizaron as actuacións no lugar de Outeiro, coa ampliación e mellora do camiño de titularidade municipal. A intención é ofrecer un mellor servizo e accesibilidade a diversas explotacións das leiras agrícolas da contorna.
Esta zona presentaba carencias pola limitada visión do tráfico circulatorio na zona. O vial contaba cun ancho insuficiente que dificultaba o encontro de dous vehículos en dirección contraria. As obras centráronse en ampliar a plataforma do camiño ata o muro e a intención é mellorar a drenaxe e a recollida de augas a través da recollida de pluviais executada.
Tamén se facilita o acceso ás vivendas e mellorar a seguridade viaria, tanto para vehículos regulares como agrícolas, segundo informa o Concello. Estes traballos ofrecen continuidade coas outras dúas actuacións acometidas na mesma zona: a ampliación e mellora do camiño municipal no lugar de Puxafeita, financiada pola Consellería do Medio Rural a través do Plan Marco; e a segunda, o muro e a ampliación municipal no lugar de Outeiro, financiada pola Consellería do Medio Rural.