O responsable dun club de Meis, condenado por favorecer a inmigración clandestina e absolto de trata e prostitución
Por Natalia Puga
Pablo Víctor C.D. e Elena Juliana, coñecida como Jessica, deberán cumprir oito meses de cárcere por cometer un delito continuado de favorecemento de inmigración clandestina por traer a España de forma irregular a tres mozas de Venezuela.
O home rexentaba entre marzo e abril de 2018 o club Pigalle de Meis e a muller colaboraba con el. Ambos acaban de ser condenados pola sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra.
Os dous estaban tamén acusados de tres delitos de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e de tres delitos de prostitución coactiva e o home tamén dun delito de agresión sexual, e enfrontábanse a peticións de cadea de máis de 20 anos. A Audiencia absolveunos de todos eles, condenándoos só por favorecer a inmigración clandestina.
A sentenza recolle que os dous, de acordo con unha terceira persoa que se atopaba en Venezuela, que lles servía de contacto, xestionaron o traslado de tres mulleres venezolanas a España.
En execución dese plan, contactaron en marzo de 2018 cunha das mozas, Elena Juliana remitiu ao contacto os billetes de ida e volta, a reserva de hotel para unha estancia de dez días e unha cantidade de diñeiro en efectivo necesarias para poder pasar a fronteira, todo iso para simular que entraba temporalmente en territorio europeo como turista ocultando a finalidade real da entrada para desenvolver actividade laboral.
A muller saíu o 20 de marzo de Caracas cara a Lisboa, onde chegou o día 21 de marzo e desde alí tomou outro voo para Vigo, onde a recolleron no aeroporto vos dous acusados. Unha vez en España, a moza entregoulles a cantidade de diñeiro en efectivo que previamente recibira.
Similar foi o proceso con outra das mozas en abril de 2018, á que enviaron o billete de ida e volta de avión, unha reserva de hotel en España por dez días e 800 dólares en efectivo a fin de pasar a fronteira coma se fose turista. O 14 de abril viaxou desde Caracas a Lisboa, de Lisboa a Porto, desde onde tomou un autobús ata a estación de autobuses de Vigo, onde a recolleron nun vehículo. Xa en España, devolveulles o diñeiro.
Coa terceira moza, segundo a sentenza, actuaron igual e voou de Caracas a Lisboa o 24 de abril, chegando o día 25, e desde alí cara a Vigo ese mesmo día, sendo recollida á súa chegada polos acusados, a quen entregou o diñeiro en efectivo que recibira.
O día 9 de xullo de 2018 as tres foron identificadas por funcionarios da Garda Civil que levaron a cabo unha inspección no club Pigalle como consecuencia dunha entrevista previa mantida por dúas delas cun funcionario da Garda Civil por mediación dun cliente.
Relacionadas:
-
Un caderno que recollía o día a día do Club Pigalle, clave nun xuízo por prostitución coactiva e agresión sexual
Por Natalia Puga |
-
A Audiencia retoma o xuízo por trata de mulleres contra os donos dun club de Meis
Por Oskar Viéitez |
-
Os donos dun club de Meis, a xuízo por trata de mulleres e agresión sexual
Por Redacción |