Borja Sémper, voceiro da campaña do PP: "Dá a sensación de que o de Pontevedra é un proxecto esgotado. Fai falla un cambio"
Por Redacción
O portavoz de campaña do Partido Popular, Borja Sémper, percorría na tarde deste venres as rúas do centro de Pontevedra acompañado por Rafa Domínguez, presidente local do PP; por Miguel Tellado, vicesecretario de organización do PP; e a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado.
O encargado de levar a campaña electoral de Alberto Núñez Feijóo manifestouse como "un vasco galeguizado" e engadiu que "é unha honra acompañar a compañeiros de Pontevedra. Hai veces que toca ir a sitios nos que non coñeces o candidato e tes que dicir cousas boas de alguén a quen non coñeces. Neste caso concreto, teño a inmensa sorte de que coñezo a Rafa desde hai tempo".
Expresou que para el era unha sorte e un privilexio estar en Pontevedra "para apoiar a Rafa". Sinalou que realizaran un paseo pola rúa Raíña Vitoria falando con comerciantes "desas cousas que realmente importan á xente, que cando fallan son os alcaldes e concelleiros os que teñen que dar a cara e solucionalos".
Sémper mostrou o seu apoio a Rafa Domínguez destacando os "proxectos políticos encabezados con xente con enerxía, que teñen os recursos e a cintura para dar resposta a eses problemas. 24 anos despois dunha alcaldía ininterrompida as cousas poderían ser doutra maneira pero son da maneira que son". Sobre a xestión do goberno actual, o representante popular afirmou que "dá a sensación de que é un proxecto esgotado o de Pontevedra. E por iso fai falta un cambio, encabezado por Rafa Domínguez, que ten a enerxía e ilusión que ao actual alcalde lle falta, que a tivo no seu día e que hoxe lle falta, e esa ambición da Pontevedra do futuro"
Pola súa banda, o candidato popular á alcaldía de Pontevedra agradeceu a presenza de Borja Sémper e o apoio que está a transmitir ao PP e que "está connosco na idea que temos de cambio. Creo que Lores nos primeiros anos fíxoo moi ben. Fixo un modelo co que estamos todos de acordo pero iso xa foi no ano 1999, no século pasado. O último mandato foi claramente deficiente".
Sémper, ao final da súa intervención, vaticinou: "estou convencido de que a próxima vez que volva a Pontevedra será con Rafa como alcalde. Será bo para o PP e os seus amigos, pero sobre todo para Pontevedra" para afirmar que "o cambio que encabeza Feijóo" chegará ao conxunto do país.
Relacionadas:
-
O PP creará unha Concellería de Medio Ambiente e Mar se goberna en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Rafa Domínguez propón crear en Pontevedra unha incubadora tecnolóxica de empresas
Por Álvaro Arosa Barco |
-
Rafa Domínguez ve "lamentables" as condicións nas que se atopa o servizo da unidade de drogodependencias
Por Álvaro Arosa Barco |
-
Domínguez planifica unha campaña de proximidade e "de mucho patear"
Por Redacción |